O tesouro

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

03 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

NON HAI moito saltaba á prensa internacional que os ingleses descubriran miles de quilos de plata en forma de lingotes que estaban no casco dun barco que naufragou no Canal da Mancha. O metal precioso, non podía ser doutra maneira, pertenecera ao Estado español. O naufraxio sucedera polo 1739 e correspondera a un buque holandés. Naquel accidente, provocado por un forte temporal, perdéranse unos 250 tripulantes e soldados e máis un gran tesouro. Como se ve, en todas partes cocen fabas, anque as nosas chegan ben. Tanta riqueza estaba alí, en arcóns de madeira cheos de prata, da que pode mercar ata ao diaño. Foi descargada no fermoso porto británico de Plymouth, de onde saíra tamén o Serpent , aquel cruceiro que tantas mortes deixara na punta do Boi no 1890. Lembro de Plymouth a igrexa semidestruida polos bombardeos alemáns, o xardín que dá á rada, inmensa e rodeada de acantilados da cor do ouro, e o seu illote. Pois ben, a prata é para os holandeses, como tantas veces sucedeu na nosa historia, porque a Monarquía española lla vendera á compañía das Indias Orientais. O caso é que ingleses e holandeses levaron o conto calado e aos españois, nin pito. Un submarinista británico foi quen atopou os restos. ¿E para que conto todo isto e que ten que ver coa Costa da Morte? Pois o feito lembroume o que aconteceu no noso litoral aló polo 1997, cando os modernos piratas viñeron ás proximidades de Corme e levaron o tesouro do Douro , un barco que tiña as súas adegas cheas de moedas de ouro, do bo. Marcharon con elas e se te vin non me acordo. Moito do noso patrimonio sigue tapado por un manto de auga tan feble que poden levalo pouco a pouco e nin nos enteramos. A única esperanza é que non collan durmindo ás nosas autoridades. E eu non aposto un euro anque sexa falso.