Entrevista | Antonio Alfeirán Regueira O novel escritor malpicán retomou a tradición de contarlle contos aos fillos
03 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Antonio Alfeirán Regueira presentou onte en Malpica o seu primeiro libro, Las aventuras de Martinelo y Roiketel , un conto infantil que escribiu en colaboración cos seus fillos, Martín e Roi, de dez e cinco anos, que, como profesionais, tamén adicaron a súa obra. -¿Como xurdiu a idea de escribir un libro infantil? -Quería pasar máis tempo cos meus fillos, así que empecei a contarlles contos todas as noites. Sempre os inventaba e ía facendo a historia segundo lles gustaba ou non a eles. Un día pedíronme que lles repetise un que xa inventara e queixáronse de que cambiara cousas, así que lles propusen que o fóramos escribindo. -Así que os contos foron unha forma de estar cos nenos. -Así é, os nenos de agora xa non son tan nenos e están todo o día pegados ao ordenador, á televisión e á play station. Así non hai tempo de estar e xogar con eles, eu quería contarlles historias e, ao mesmo tempo, que o día de mañá vexan con orgullo o traballo que fixemos xuntos. -Pero para todo isto non era necesario escribir un conto. -Non, é verdade, pero os contos que tiñan xa os leran varias veces e os clásicos de Disney tamén os viran nun cento de ocasións, así que decidimos inventar as nosas propias historias. Agora son eles os que me piden que lles conte contos e están moi ilusionados porque estemos xuntos. -Roi e Martín aparcen como coautores do conto, ¿como colaboraron? -Gran parte da historia é súa, porque eles decidían se lles gustaba ou non e eu cambiábaa dependendo do que me dicían. Ademais, entre os tres fixemos as ilustracións e en apenas dous meses tivémolo listo. -¿Cal é o argumento de «Las Aventuras de Martinelo y Roiketel»? -O conto está ambientado nunha pequena illa onde viven dous nenos cos seus pais. Un día atopan un ovo que abren gracias a unhas palabras máxicas e del sae un dragón co que empezan a viaxar por todo o mundo e atopan animais de todo tipo. -¿Haberá máis contos? -Si, teño outros empezados e penso que editaremos algún máis outra vez coa axuda do asturiano Nardo Villaboy.