As corais

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

19 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI XENTE á que lle gusta moito cantar. E ata hai quen o fai ben. O curioso é que moita das persoas que collen afección a esta actividad practican en entidades ou actividades moi próximas á Igrexa. Así naceron moitos coros que hai nesta bisbarra. E cada vez hai máis. Algúns incluso se dividen por ciumes e acaban multiplicándose. Hai unha década, non pasaban de tres ou catro as masas corais en toda a Costa da Morte. Agora case hai unha en cada pobo, e as que faltan aínda. Unhas son mellores ca outras, ben é certo, pero tamén as hai ben boas. A pasada fin de semana houbo unha chea de concertos de Nadal. Son acontecementos moi seguidos pola xente. A min cadroume de estar en máis dun e pódese dicir que hai que aplaudir o esforzo que fan os membros das corais e os seus directores e directoras para ofrecer traballos moi dignos ao público. Pero hai que dicilo todo. Ao mirar un programa de man dun dos concertos vin o título dunha vella e fermosa canción. Sentín, daquela, ganas de escoitala interpretada por unha coral. Era un tema precioso e os que cantaban poñían moita paixón e boa intención, pero o certo é que non deberían de castigar ao público con cousas así. Aínda así, hai que ver o ben que lle fai á xente esta afección. Moitas persoas atopan nestas agrupacións a maneira de rachar coa soidade ou co tedio facendo algo que vale a pena. Ademais, algúns destes colectivos organizan xantares, ceas e festas cada pouco e ata andan de troula cando lle cadra. O outro día contábame polo baixo un tenor que hai dous anos andaba só pola vila adiante. Non tiña moito quen lle fixese caso nin os veciños lle prestaban moita atención ata que un membro do coro o escoitou cantar mentres arranxaba a porta da casa. Invitárono aos ensaios e agora ten amores secretos cunha soprano que canta coma os anxos.