ARA SOLIS | O |
30 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.CARBALLO CAPITAL, Coristanco. Onte, a lo menos, foi así: milleiros de persoas peregrinando cara O Capelán, onde estaba a vella escola de Xusto. En vez de nenos cantando a táboa de multiplicar perto do fermoso bosque de ribeira agora hai altofalantes que anuncian ofertas de produtos. Da primavera para o inverno xurdiu o Carrefour, o gran templo do comercio da Costa da Morte. Rabia que estas construcións non teñan ese porte de perpetuidade que teñen os monumentos prehistóricos que chegaron enteiros ao noso tempo, como o dolmen de Dombate, pero en versión gran superficie comercial. Así os nosos sucesores podían estudar os nosos costumes, que nos últimos tempos consisten básicamente en traballar arreo para poder gastar a eito e encher a casa de cousas ás que non sempre lle damos utilidade. O caso é que o alcalde de Coristanco armouna ben armada. Dun mes para o outro levanta un magno edificio que é a embexa da maioría dos edís da Costa da Morte. Hai un ano case ninguén daba creto ao que se dicía en Coristanco. Que se ven, que se non ven. ¿Que se lle perde a Carrefour en Coristanco? Pois aí está. Vese ben. A Xunta vai ter que darse présa en facer a vía de alta capacidade cara Fisterra porque como se formen retencións como as de onte entre Carballo e Coristanco máis de un vaise incomodar. Así que terán que buscar unha solución rápido. O mellor é facer un gran paseo entre a capital de Bergantiños e O Capelán, para que a xente, de paso que recorre unha posible nova ruta do colesterol, poida facer a compra sen ter que pasar tanto tempo nas retencións automovilísticas. Tamén as houbo nunha das caixas. Un cincuentón verderón botoulle uns cantos piropos e máis chiscoulle o ollo a unha caixeira para facerse o simpático sen decatarse de que había unha larga ringleira de xente esperando para pagar.