ARA SOLIS | O |
29 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.ESTES DÍAS vai tanto frío que mesmo os clientes dos supermercados evitan pasar cerca dos expositores de conxelados, e iso que todas as empresas do sector aproveitan a proximidade do Nadal para lanzar ao mercado ofertas máis ou menos interesantes neste tipo de produtos, tan demandados durante as festas. É que xa están aí. Vilas coma Carballo preparan o acendido dos arcos luminosos, que xa están colocados; as tendas decoran con neve -artificial, de momento- os seus escaparates, nas estanterías dos comercios de alimentación acumúlanse os turróns de todos os sabores e os encargos de lotería circulan dun extremo a outro do país. O Nadal empeza cada vez máis cedo. Mesmo onte se presentaba ante os socios do Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo a campaña que se vai poñer en marcha mañán mesmo e ata despois de Reis. E así, coa chegada do mes de decembro, comeza a conta atrás para unha das épocas dun consumismo feroz que, afortunadamente, as pagas extraordinarias axudan a sobrelevar. Pero como non todo é gastar, hai iniciativas como a campaña de recollida de xoguetes, que fai a Cruz Vermella, que nos recordan que non todos somos igual de afortunados, nin sequera dentro do mesmo municipio. O mes que está a piques de chegar vai traer novidades á Costa da Morte. Máis aló dos anuncios de investimentos e de compromisos de infraestruturas que están adquirindo estes días os máximos mandatarios galegos coa comarca, decembro será o mes de Carrefour, coa entrada en funcionamento, hoxe mesmo, do seu hipermercado de Coristanco, ou o da apertura do xeriátrico Abrente Carballo, o primeiro da zona. Segundo como se mire, mesmo se podería pensar que os Reis Magos chegan por anticipado. Así que, se continúa a racha, hai que aproveitar estes días para pedir, antes de que o frío acabe por conxelarnos.