Un monumento sinxelo

XOSÉ MARÍA LEMA SUÁREZ

CARBALLO

TERRA E XENTE | O |

24 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

SOBRE O debate que se abriu en La Voz sobre a conveniencia ou non de erixir nalgún lugar da Costa da Morte un monumento aos náufragos, esta é a miña opinión. Primeiro. Se se está a pensar nun monumento sinxelo destinado simplemente a honrar aos mortos e desaparecidos no mar de todas as épocas, apoio a proposta. As súas viúvas e orfos tamén precisan dun lugar onde recordalos e onde poder depositar unhas flores: un punto de referencia, sobre todo no tocante aos desaparecidos. Ese monumento debe estar perfectamente integrado na paisaxe, escóllase o lugar que se escolla. Quizais o sitio máis axeitado sexa o Campo do Trigo, no cabo Tosto ou punta do Boi, onde se atopa o ben coñecido Cemiterio dos Ingleses, que fora onde se enterraran as vítimas do Serpent (1890). Houbo outros moitos puntos fatídicos na Costa da Morte, pero poucos como este, que xa case é un símbolo totémico dos desastres mariños, pois ademais do cruceiro británico tamén remataron aquí as súas singraduras o Iris Hull (1883), o Tumbridge (1890), o Loss of the Trinacria (1893), etc, etc... (por non falarmos dos que quedaron varados nos cercanos cabos Veo e Vilán). Segundo. Se o que se pretende é facer un monumento impactante como un motivo turístico máis, mellor non facer nada, pois algo deste tipo nin debe ter esa función nin vai atraer máis visitantes. Isto advertímolo porque co debate de La Voz pareceu iniciarse unha polémica entre as forzas vivas de cada concello tratando de levar a auga ao seu muíño (tróuxome á memoria aquela disputa tribal polo parador do Prestige ). Para iso xa temos monumentos naturais únicos, como os senlleiros penedos de granito rosado de Traba ao Vilán, ou os do macizo do Pindo, conformadores da nosa paisaxe, que é o elemento que máis valoran os visitantes. Protexámolos e promocionémolos. Museo Terceiro. Os concellos litorais deberan loitar -e mesmo competir- por un proxecto do que tanto se ten falado e polo que tan pouco se traballa: un Museo dos Naufraxios, que é o tipo de museo marítimo que máis lle acae á Costa da Morte, que para iso tivo que aturar con este alcume tétrico que non a todos lles gusta. Neste museo non debería faltar algún tipo de recordo para os mortos e desaparecidos no mar, e tamén serviría para que os visitantes tomasen conciencia do arriscada que é a vida do mariñeiro. Nel estarían expostos os obxectos procedentes dos barcos perdidos (¿u-lo mascarón do Serpent ?) e, como non, as magníficas fotos-testemuño de artistas como Caamaño ou Vidal. E isto había que facelo xa, pois, como ben dicía Felipe Senén, cando se queiran acordar -os alcaldes e outros cargos políticos, a sociedade en xeral- xa non vai quedar nada para expoñer, pois os obxectos están marchando clandestinamente para fóra, para anticuarios ou para outros museos que os expoñen como propios. Rutas Cuarto. Incluso antes có Museo tamén se podería preparar e sinalizar unha ou varias Rutas dos Naufraxios ao longo de toda a costa, de Malpica a Muros. En cada un dos puntos negros pola frecuencia de catástrofes, que adoitan ser os cabos (San Adrián, O Roncudo, o Tosto, etc...) poderíanse poñer placas metálicas informativas incrustadas en soportes pétreos coas listas dos barcos naufragados no contorno gravadas e o ano do naufraxio. Tamén sería unha digna lembranza permanente para as familias. O vimiancés Roberto Mouzo deseñou mapas da ruta dos naufraxios da costa camariñá, unha das incluídas na obra colectiva A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte; os asistentes ao Congreso de Turismo da Costa da Morte valoráronos moito. Na península de Cotentin (Normandía, Francia) promociónase unha Ruta dos Cabos desde a cidade de Cherburgo, indicándose nalgúns deles os datos do seu faro e os nomes dos barcos que alí se perderon. Isto pode servir de modelo. O cabo La Hague, que é a súa fisterra, ostenta a plusmarca de accidentes marítimos de toda Normandía, e iso remárcase nalgunha publicación con toda sinceridade, sen ocultar nada: explícano polo intenso tránsito marítimo que sempre pasou polas súas cercanías.