ARA SOLIS | O |
12 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.É MOI FÁCIL esquecer. Sobre todo se hai persoas ás que lles interesa que esquezamos. Hoxe fai tres anos que unha negra sombra de chapapote veu aniñar nas nosas costas arrasando todo: penedos, peixes, praias, mariscos, rías, paxaros... ata nos paseos marítimos deixou o Prestige a súa moura pegada. Fai tres anos que nos trataron como se no lugar do fin da terra fósemos o cu do mundo. Uns esconderon a catástrofe, outros falaron duns poucos fiiños de nada; uns e outros reaccionando mal e tarde ante unha marea negra na que as institucións e políticos do momento ollaron cara outra parte pechando os ollos como fan os nenos pequenos cando teñen medo. E había razóns para ter medo. Tres anos tamén de outra marea: a branca. A marea da solidaridade do voluntariado chegado de todos lugares, da cidadanía que saíu á rúa para facer espertar do seu sono ás institucións, da cadea humana de milleiros de escolares de toda Galicia que xuntaron as súas mans de Laxe a Muxía pola beiramar. Ese día decateime de que as novas xeracións tamén teñen inquedanzas e que non fican ancorados no gozar hedonistamente do día a día. Tamén queren e saben loitar por un futuro mellor. Parafraseando ao bolero teño que dicir que a distancia -neste caso cronolóxica- nunca será o olvido. Nunca esquecerei as bágoas mouras dun rapaz de Cartagena que atravesou a diagonal da Península para axudar nunha fin de semana con outros compañeiros e sempre lembrarei emocionado a foto que lle sacou o amigo Casal a Man chorando coma un neno cunha faciana que facía presaxiar o seu triste final. Un e outro encarnaban a impotencia que aniñaba en todos nós. A memoria -aínda que lles pese a algúns- serve para aprender. Así que pasen trinta anos seguirei lembrándoos a todos. Non quero volver a vivir unha triste realidade en branco e negro.