ARA SOLIS | O |
04 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.COÑECER A Costa da Morte fora para Graciela o mellor agasallo que lle pudiera ofrecer seu curmán Xosé. Ela aceptara esta viaxe porque sempre tivera na idea visitar a terra dos avós, e porque buscaba a maneira de saír dun desengano amoroso. Desde o primeiro día, Xosé ofreceuse de guía para mostrarlle as máis fermosas paisaxes. Ela non daba creto aos seus ollos ao divisar a beleza da costa e o poderío daqueles acantilados. Unha tardiña, ela alonxouse baixando entre enormes rochas á beira do mar. De contado regresou. Nerviosa, confesoulle ao seu curmán que escoitara voces. Mais concretamente, escoitara un cantar doce e morriñento que parecía provir do fondo dunha cova. Entón fíxoa sentar cabo del e relatoulle a lenda da Buserana:? «Naqueles tempos dos castelos vivía o máis poderoso señor de Nemancos e Soneira. Tiña este cabaleiro unha filla xove, fermosa e boa. Era orfa de nai e pasaba grandes tempadas soa, pois seu pai ausentabase á miúdo. Nunha destas ausencias chegou ao castelo un trovador que cantaba coma os anxos e posuía unha excepcional beleza. Cada tarde, ao pé das murallas, adicáballe á rapaza as máis melancólicas cantigas de amor. Ela non tardou en abrirlle as portas de castelo e, tamén, as do corazón. Durante meses, mar e costa foron testigos daquel amor forte e poderoso. Un amor que sabían imposible... Ao chegar o pai, a ela recluíuna no castelo e o Buserán, que así se chamaba el, mandou que o tiraran ao mar dende os acantilados. Conta a lenda que ela toleou e que, cando recuperou a liberdade, a súa teima era percorrer as rochas. Nunha das súas saídas sentiu cantar desde unha profunda caverna. Achegouse á boca da furna. Alí, uns brazos agarrárona cara dentro. ¡Era o mesmo Buserán que saíra buscala! Xuntos mergulláronse para sempre». Tamén din, Graciela, que quen escoite o cantar e baixe ata a cova, pode pedir calquer desexo de amor pois, certamente, lle será concedido. Nos seguintes días, ela insistía en baixar. Xosé, namoriscado dela, dicíalle que era moi perigoso e retíñaa. Non sabía el que Graciela quería pedir un único desexo: ¡Que Xosé se namorase dela!