A pólvora

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

21 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ONTE SÓUBOSE que un mozo de Carballo terá que ser indemnizado polo Concello porque hai oito anos quedou sen dous dedos dunha man a causa da explosión dun artefacto pirotécnico procedente das festas da Milagrosa. As arcas municipais terán que afloxar o caixón para desprenderse da nada desbotable cantidade de 100.000 euros, céntimo arriba, céntimo abaixo. Non tiven acceso á sentenza e non sei cal foi a responsabilidade das autoridades municipais no sucedido. O que supoño é que apeitugarían por non ter posto as medidas necesarias para evitar o accidente. O rapaz, que daquela tiña catorce anos, atopou os restos do artiluxio no parque do San Martiño, manipulouno e estoupoulle nas mans. A pólvora, á que parece que somos tan afeccionados, ten dado moitos disgustos. Había que ver como o ano pasado ardían os piñeiros de Trasariz, en Vimianzo, despois dunha deslumbrante e belísima sesión de fogos de artificio no castelo da capital de Soneira. Hai algo máis dun lustro, dous grandes colaboradores de Protección Civil de Muxía sufrían un gravísimo accidente un día triste do Carme de Camariñas. Cando querían recibir a procesión do pobo veciño na fronte do peirao, estalaron todos os foguetes que estaban amontoados e eles saltaron polos aires. Menos mal que se puideron recuperar despois de moitos traballos e de longas horas nas salas dos hospitais. Coñecín a un home que estaba sen tres dedos da man dereita por causa dunha explosión dunha bomba. Sendo rapaz, a desgraza levoulle case toda a man, pero avivoulle a intelixencia, aínda que para o seu pesar nunca poidera ir á escola. Converteuse nun grande especialista en barrenos de canteira e nun gran sobrevivinte con grande sentido do humor que podía burlarse de calquera autoridade nos seus mesmos morros. En plena dictadura, era ateo militante e nunca sufriu persecución. A pesares do seu analfabetismo era quen de facer contas polos dedos e de calcular os intereses dos cartos. Tiña unha fortaleza descomunal e comía e bebía en relación ao seu volume. Teñen contado que podía tragar catro litros de viño noutros tantos minutos sen que se lle notase ningún efecto. Para desempeñar as leiras que compraba aproveitaba a súa minusvalía. Desaparecía unha tempada do pobo e ía pedir cartos para o San Antonio. Cando se despedía dicía que marchaba aos baños e moitos crérono durante moitos anos.