Turismo

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

14 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

NA Costa da Morte andamos detrás do turismo, do desenvolvemento deste sector na bisbarra. Neria, a Fundación Bergantiños, os hosteleiros e mesmo os concellos non falan doutra cousa que da promoción da bisbarra como destino de visitantes que veñan a deixar os seus cartos nos hoteis, nos restaurantes, nas zapaterías, nos bares e nas tendas de souvenirs se as houbese. Este verán non houbo moita queixa. En Muxía foilles tan ben que moitos bares pecharon nas festas da Barca porque xa non tiñan falta de traballar tanto e así os donos dos establecementos puideron disfrutar la romaría como compre. Hai localidades nas que se venden pisos de apartamentos a esgalla. En Laxe non dan construido. Montes e máis Mira non paran e aínda está por chegar Fadesa. E iso que aínda non hai depuradora de augas residuais. Terán que apurar. Non vaia ser que na fermosa praia laxense se empecen a notar os efectos de tanto incremento de poboación polos veráns. Hai que evitar que o propio remedio se convirta en enfermidade. Agora vostedes imaxínense que a Costa da Morte fose como Mallorca ou como algunha das poboacións do Mediterráneo polas que caen os famosos da televisión e máis do cinema. ¿Qué pasaría se a Rosario Flores se lle ocorre vir a amosar a súa preñez á praia de Balarés? Ou con Ana Obregón se vende unha exclusiva co seu baño no areal de Langosteira. ¿Ou a Susan Sarandon e o seu marido e máis o fillo o paseo pola senda de San Adrián? ¿Ou se o iate da Preysler vara no cabo Tosto de Camariñas? ¿Non lle farían como ao Art alemán? Digo eu. ¿Sería o mesmo o conflicto das beirrúas de Laxe? ¿Andarían Xan e máis o alcalde á rifa a ver quen promociona máis Fisterra? Non habiamos de dar feito.