ARA SOLIS | O |
10 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.EU, inocente de min, críame instalado na contemporaneidade da vitrocerámica e o microondas, esquecéndome de cargar coas bombonas de butano e asentándome na comodidade de quentador eléctrico e televexo de plasma. E velaí que o pasado mércores rematei ceando un bocadillo de sardiñas en lata á luz do candil e escoitando polo transistor como a selección española de fútbol empataba coa de Serbia mentres pensaba en Nietzsche e no mito do eterno retorno do mesmo -non pola selección, senón porque o ano pasado o mesmo día aconteceu o mesmo: e a xente preparando as perolas para o xantar da festa maior de Baio, as pastelerías cos fornos cheos de doces e os panadeiros suando a gota gorda polo que se lles viña enriba-. ¿Alguén me pode explicar como pode ser que a principios do século XXI catro concellos da bisbarra poidamos quedar sen luz máis de seis horas nunha noite na que o temporal brillaba pola súa ausencia e por que estando rodeados de tantos parques eólicos o abastecemento eléctrico é tan defectuoso? ¿Cando dentro de nove meses vexamos unha alza na curva de natalidade a quen lle botaremos a culpa a Electra do Fallas ou a Unión Penosa? Agora que o penso... a selección tamén me lembra a Nietzsche.