O monte non é unha esterqueira

GABRIEL PÉREZ SUÁREZ

CARBALLO

COMENTABA O preclaro Castelao: «A vaca pace en Galicia, pero múxena en Madrid». Agora, os veciños de Seavia, aplicando o dito do prócer, poden exclamar: «A xente caga en Sanxenxo e e merda envíana para a nosa parroquia». Tal como llo conto. Abofé non adiviño que demo pode tentar a cotío á nosa bisbarra, mais o certo é que, como di o adaxio, as desgrazas nunca veñen soas. Xa ocorreu o que ocorreu do diaño do Prestige . Pasa o que pasa coas xigantescas aspas que, cal se foran insignias da Mercedes, infestan as curotas dos outeiros e, se non andamos axiña, pronto se erguerán diante das fermosas praias. Paso o que pasa coas minicentrais, esóxenas, que se aproveitan das augas dos nosos pequenos ríos para encher o seu calleiro. Pasa, e seguirá pasando mentres non se dea un bo escarmento, o feito dos incendios que impunemente e con alevosía queiman as verdes e frondosas fragas. Mais o colmo de tantos pesares é que poucos tiñamos noticia de que unha gran cantidade da porcallada, do esterco que xera a poboación de Sanxenxo vense verquer á freguesía de Seavia, municipio de Coristanco. Constatan os axentes do Seprona que o esterco que carrexaba o camión era suministrado por un xestor autorizado e dispoñía dunha licenza expedida pola Consellería de Medio Ambiente. A isto teño que apuntar que non hai cousa que máis afunda aos cidadáns que a inxustiza feita en nome da autoridade ou da lei. Hai decisións que se dictan dende as poltronas, sen escoitar ás persoas que poden saír prexudicadas, e sen prever o dano que van causar. Despois, cando se queren corrixir, xa é demasiado tarde.