Campos de refuxiados

LUIS LAMELA

CARBALLO

O EXILIO NA COSTA DA MORTE | O |

23 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

VALENTÍN RAMOS González naceu en Brandomil, no municipio de Zas, o 1 de maio de 1909. No mes de decembro de 1936 estaba integrado no Batallón U.H.P. do quinto Rexemento de Milicias Populares, do Exército republicano, con residencia en San Bernardo, Barrio de Chamberí (Madrid). Despois do exilio francés ingresou no campo de Mathuausen o 25 de xaneiro de 1941 procedente de Francia, finando o 9 de setembro do mesmo ano. Os irmáns Alfonso e Pedro Peón González, que naceron en Mazaricos, en agosto de 1939 tamén estaban refuxiados no campo de concentración de Saint Cyprién-Francia, o mesmo campo no que se refuxiou Lorenzo Varela. Alfonso logrou embarcar no Winnipeg o día 4 de agosto de 1939, exiliándose en Chile. Eduardo Romaní Abeijón, naceu en Muros o 16 de abril de 1915. En 1936, traballaba de dependente de farmacia, estaba solteiro e non militaba en partido político algún, xa que non tiña adquirido certidumes ideolóxicas. Mobilizada a súa quinta polo exército nacional como soldado, e non polas súas conviccións políticas, o día 15 de decembro do 1937 evadiuse sen armas da zona nacional xunto co seu amigo e veciño Martín Lestón Figueiras, tamén de Muros, e con José Avreu Charle, natural de Palmeira, entregándose na 97º Brigada Mixta da 41ª División do Exército republicano, establecido en La Mina. Os tres prófugos procedían do 56º Batallón de Reserva, compañía de metralladoras, agregado á primeira Compañía. Despois do seu paso polos campos de refuxiados franceses, Romaní ingresou no campo de exterminio nazi de Mauthausen o 21 de xaneiro de 1941 procedente de Francia, morrendo naquelas instalacións o día 8 de xullo daquel mesmo ano. O sindicalista da Ponte do Porto (Camariñas) Rogelio Mazaeda, despois de permanecer agochado durante moitos meses evitando ser detido na súa localidade de residencia, logrou traspasar a fronteira portuguesa e chegar a Cuba, evitando ser morto fusilado ou paseado, como lle sucedera a varios dos seus amigos e compañeiros de militancia sindical. Mazaeda tampouco nunca máis volveu á súa terra. Francisco Luaces Canosa, que naceu en Camariñas, en agosto de 1939 tamén estaba refuxiado en Argelés (Francia), así como José Conde, veciño tamén da mesma localidade, e militante da CNT, que estivo no campo de concentración de refugiados españoles en Arxelia, incorporándose ás Compañías de Traballadores Extranxeiros, e terminando finalmente exiliado en Bélxica ao final da segunda Guerra Mundial.