ARA SOLIS | O |
10 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.SEICA HOXE se vai presentar un libro na feira de Cee que fala sobre baleas, así que falará moito de Gures, onde pechou a última factoría, e se cadra tamén de Malpica, de Camelle e de Caión, onde as houbera moito antes. Tiña que ser de impresión, para alguén de terra adentro -a dous quilómetros da marea xa vale- chegar a un destes sitios e ver en cachos a animais como aqueles. Os da agra, os que eramos e aínda somos -o fenotipo non se perde nunca- algo do monte, o máis grande que viamos navegando eran as troitas anegradas das voltas dos ríos que tapaban as fieitas. Chamábamoslle badexo , dándolle así unha estraña polisemia ao que debía de ser deudor do castelán abadejo . Misterios da fala. Os badexos eran tan grandes que non cabían na fonte de porcelana, que era pequena, e como chegaban poucos, a tradición oral ía agrandando o seu tamaño ata límites descomunais. Hoxe, xa non quedan baleas por aquí, e as que andan lonxe ten a protección de leis moi febles no medio do inmenso mar. Tampouco quedan badexos ou o que fosen, con ríos sen auga, estragados, amagoados, cubertos de fieitas ata en tramos longos. Por non haber, creo incluso que cada vez somos menos os que nos acordamos de cousas que só protexe a memoria.