ARA SOLIS | O |
28 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.NON HAI espazo da Costa da Morte ao que non se atribúa unha lenda ou unha historia. Lémbrome agora das illas Sisargas, que seica siguen sendo patrimonio dos Altamira, os señores que dominaron gran parte do Fisterra durante moitos séculos. Falan os máis vellos que unha pantasma vagaba polo illote grande na procura de xente para traballar no traslado de almas para o purgatorio. Quen fose alí pola noite había de ter emprego seguro no alén. Estas cousas facían tremer aos rapaces pequenos cando os seus avós narraban estas historias e outras aínda máis terribles. Contan tamén que na illa malpicana houbo un templo dedicado á divinidade do emperador César Augusto, aínda que non debe de haber moito de certo disto porque se lle facemos caso a este tipo de especulacións acabamos toleando. Cada quen localiza as moi nomeadas Aras Sextianas donde mellor lle convén, uns en Touriñán, outros en Traba de Laxe, outros en Fisterra e no Pindo. O que sí parece seguro é que seica houbo unha ermida en honor de santa Mariña que o malvado Francis Drake destruíu a canonazos. Un amigo meu di que as Sisargas son un bo lugar para que unha parella de namorados pase unha inesquencible fin de semana.