A morte

ANTONIO DÍA AMOR

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

14 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

POÑÁMONOS SERIOS. Deixemos hipocrisías e medias verdades a unha beira e saquémoslle a máscara a esta realidade arrepiante que nos deixa cada fin de semana un monstruoso catálogo de mortes de xente nova nas estradas. Esta nosa Costa da Morte cada vez é menos costa e moito mais niño de fatais accidentes automobilísticos que rematan en velorios multitudinarios onde se fala mais do destino e da fatalidade que da autorresponsabilidade. A verdade doe, pero aínda así non debemos escudarnos na máscara da ignorancia. Non serve para nada laiarse polo mal estado das estradas, nin tampouco son culpables os motores de gran cilindrada en coches pequenos e é imposible que a garda civil de tráfico sexa Deus omnipresente. Sexamos radicais e vaiamos á raíz do problema: a velocidade, o alcohol e as pílulas fan un cóctel explosivo que está acabando coa nosa xuventude -aínda que sexa unha frase manida e un lugar común-. Non debemos escudarnos en botarlle a culpa a unha sociedade de présas e competitiva porque a sociedade non é un ente abstracto, sen individuos, a sociedade somos nós -todos nós-- pais, fillos, avós, profesores, noivas e ata taberneiros. Non falsifiquemos conceptos e non nos enganemos falsificando a realidade porque só fai falla botar unha ollada ao noso redor un sábado calquera pola noite para ver a cantidade de armas de destrucción masiva que se atopan nos pubs e discotecas ás tantas da madrugada e que despois se poñerán ao volante dunha máquina que non son capaces de dominar. Sempre nos lembramos de Santa Bárbara cando trona. E o triste é que ultimamente esta tronando demasiado na nosa bisbarra. Un pouco mais de sentidiño, por parte de todos, por favor.