ARA SOLIS | O |
06 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.AÍNDA LLE ando dando voltas ao consello dos catro gurús da economía mundial. Viñeron a Santiago e dixeron que Galicia ten que ser a capital mundial da calidade de vida. Ou sexa que aquí hai que saber sacarlle rendemento aos bos centolos, á paisaxe, á moda e aos paseos en barco polo mar tenebroso para que os visitantes paguen ben caro unha voltiña neses pesqueiros que agora teñen que ir ao desguace. Ben é certo que para iso non fai falta ser un gran teórico da economía mundial, porque eu xa levo anos oíndo iso de que hai que aproveitar ben os recursos que temos por aquí. De feito, os de Neria, que agora andan as caiadas dialécticas co conselleiro de Pesca por mor da restauración do castelo de San Carlos de Fisterra, xa o levan dito tantas veces que parece que nos quería lavar o cerebro. Así que imos ter que facerlles caso aos gurús , anque só sexa polo que custou traelos. O que tamén me chamou a atención foi que o gurú chinés dixese que, no seu país, o alcalde que non acade cada ano o 7% de crecemento no seu territorio chímpano á rúa. Non quero nin pensar se na Costa da Morte tomamos a mesma medida cos nosos rexedores. En China, algúns que levan varios lustros estarían cabando terróns nos arroceiros. Un non se imaxina ao alcalde do seu pobo dando contas ao final do ano sobre o crecemento económico. Aos nosos rexedores o que mellor lles vai é asfaltar pistas. Niso si que lle gañan aos chinos. Lémbrome que nun concello da nosa bisbarra chegaron a pavimentar un camiño que ía a ningures. No pleno municipal chegouse a discutir duramente sobre o tema. Ao final chegárase a conclusión de que a obra tivera uso: o camiño era utilizado por unha veciña cando levaba a burra a acomedar.