Impostos e salarios

XOÁN POSE VIÑA

CARBALLO

O CARTAFOL | O |

03 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

UN MAL día sobe a bombona dous euros; un bo día baixa un euro. Outro mal día volve a subir outra vez un euro cincuenta; outro bo día volve a baixar cincuenta céntimos. Non fai falta ir á escola para aprender matemáticas especiais e ecuacións complicadas. Fagamos contas e fixémonos no fraude da presunta baixada do butano. A conta é ben sinxela. O que máis sobe é a gasolina; xa está case a un euro. Quen se atreve a encherlle o depósito ao coche? Houbo que pagar as xudías a once euros. Quen é capaz de alimentar aos seus fillos desta maneira? Soben as hipotecas lixeiramente, aínda que a xente prefire ser propietaria e non alugar. En Carballo e noutros concellos soben os recibos da auga e do lixo. Sobe a contribución dos pisos. Sobe o IRPF. A onde imos parar con estes prezos? Durante as campañas electorais fannos miles de promesas ano tras ano, pero a situación empeora. Din que van baixar os impostos. Dan risa as promesas e cada día a xente pasa máis da política dos políticos porque nos marean miserablemente. Din que xa non hai que facer a declaración da renda se non se ingresa unha determinada cantidade. Que logro! Os soldos están conxelados. Hai que aforrar. Que inverno máis frío imos pasar sen calefacción! Non hai para gas, para gasóleo ou para electricidade. O coche ha de quedar na casa, pero o malo é que o transporte público é deficiente e demasiado caro porque ás empresas tamén lles apretan as porcas as petroleiras e a Facenda. Presidentes cómicos, ministros graciosos, directores xerais de non sei que que cobran once millóns de pesetas ao ano, toda esta xungla intenta consolarnos dicíndonos que están peor os das pateiras, os chabolistas, os mortos colombianos, os sidosos, os leprosos, os do Bronx, os enfermos en xeral. E así é. Están peor. Que haxa saúde (e sorte), é o principal. Queixámonos de vicio, dinlles os obreiros aos empresarios que facturan douscentos millóns de euros ao ano. Os obreiros, agradecidos, consólanse con mil euros ao mes para ir tirando co posto. Mellor isto cá fame que pasan os oitocentos millóns de marxinados que hai no mundo, vergonza nos debería dar. Rabia dá que unha minoría selecta acapare o oitenta por cento da riqueza que deberían repartir coa maioría dos habitantes que reclaman con xustiza un cacho de planeta, deste planeta que é, que debería ser, de todos.