«A miña gran ilusión é escribir unha historia de Malpica»

Eduardo Eiroa Millares
Eduardo Eiroa CARBALLO

CARBALLO

Entrevista | Xelucho Abella Chouciño O responsable dos textos salienta o traballo fotográfico de Xurxo Alfeirán

28 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Un dos mellores coñecedores da xeografía e historia de Malpica é Xelucho Abella, mestre de Filosofía e namorado do seu municipio. Por iso, aínda que traballa en Ponteceso, aceptou a oferta do Concello de escribir unha guía turística sobre a localidade. En tan só 67 páxinas se especifican polo miúdo os pasos para disfrutar dos oito roteiros salientados polo autor. Ademais, o visitante poderá atopar tamén referencias ben documentadas sobre a historia e xeografía do lugar. -¿Como se fixo esta última guía de Malpica? -Eu só son responsable dos textos. As fotografías, que son excepcionais, fíxoas Xurxo Alfeirán, lástima que polo espazo limitado sairan tan pequenas. A lista de restaurantes e locais é do Concello, que a editou, ademais, nun papel de excepcional calidade, case diría eu que con demasiado luxo. Cando ma encargaron, para min, foi algo moi especial, porque son malpicán e coñezo o territorio, á xente e a antropoloxía cultural da rexión. -¿Como se usa a guía? -Cada roteiro está relacionado cunha cousa que ten unha especial significación cultural. Así, o que pasa por Buño, relaciónase co barro, o de Cerqueda cos dolmes ou o de Malpica coas baleas. Ademais, o visitante non precisa preguntar porque indico todo nos textos, onde están os cruceiros, cara onde torcer, a cantos metros se atopa o seguinte desvío a tomar... -¿Que máis se conta ademais dos roteiros? -A historia vai nun espacio aparte, como a orografía e a climatoloxía. En Malpica, como en case toda Galicia, temos elementos de 2.000 anos antes de Cristo, como o círculo lítico que existiu no monte Branco, e que foi destruído nos anos 60. Da época castrexa está o castro de Beo, un castro marítimo soterrado semellante ao de Baroña. Tamén se fala de que no ano 860 xa existía a parroquia de San Xulián e da chegada dos baleeiros vascos no século XIII. -¿E de mitoloxía local? -Tamén se contan historias míticas, como a da Eira das Meigas, ou a da cidade asulagada nos baixos de Baldaio, Galilea. -¿Que lle quedou por facer? -Esta guía ten algo de historia. As guías, en xeral, non traen nada, pero a min gustaríame escribir unha historia de Malpica, esa sería a miña grande ilusión. O malo é que para iso fan falta tempo e cartos.