TRIBUNA ABIERTA | O |
28 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.«NO MUNDO só quedan dúas ditaduras: a de Evencio Ferrero e a de Fidel Castro». Esta frase, brillante, pronunciada por un concelleiro do PP de Carballo nos últimos días, á marxe de outras consideracións, está cargada de optimismo: que máis quixeramos os que nos consideramos demócratas que só quedasen dúas dictaduras no mundo! Mágoa que a realidade sexa tan teimuda e a lista, terrible lista, tan extensa. Curiosa é tamén a razón pola que se formulou. Acusan os do PP a Evencio de non incluir unha moción súa na orde do día dun pleno. Non coñezo os feitos e por tanto non podo valorar a certeza ou incerteza da acusación. Pero, dende logo, se por ese feito se pode falar de dictadura, temos que mentar, alomenos, unha terceira ditadura: a do PP de A Laracha. Neste Concello da nosa bisbarra os grupos da oposición poden presentar as mocións coa antelación que queiran, posto que nunca son incluidas na orde do día, e ao ser presentadas por vía de urxencia, o PP apenas se pronuncia sobre elas. Os casos Deberían ter máis coidado os do PP ao falar e pór exemplos, xa que por sorte ou por desgraza, gobernan moitas vilas do país, e falen do que falen os exemplos na súa contra son innumerables: falemos da contratación en Carballo e falemos da contratación en Coristanco -por citar só un caso- ou incluso na Xunta; falemos da liberdade de expresión nos plenos de Carballo e falemos do mesmo suposto na Laracha... Ou falemos incluso de ofrecer no programa electoral unha ambulancia medicalizada para Bergantiños -cousa que fixo o PP nas últimas municipais- despois de que ese mesmo partido no Parlamento Galego, onde está o carballés Alberto Sueiro, tivese votado en contra a proposta do BNG. En fin, hai que ver que teimuda é a realidade.