As pombas

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

27 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

AO VER a fotografía de Ramón Pazos coas pombas do xardín de Carballo a un veñenlle á mente moitas anécdotas ocorridas con estas aves de protagonistas. Hai uns días estivo por Carballo o escritor cubano afincado en Vigo Manuel Sánchez Dalama, autor dunha moi interesante novela sobre a revolución de Fidel Castro titulada Peces rojos en la lluvia . O seu fillo mercou dúas pombas gaditanas na tenda de Manolo Pensado, feito que non tería moita importancia se non fose porque o fillo de Sánchez Dalama era un coñecido criador destes animaliños con varios premios nacionais no país caribeño. O mozo leva tres anos en Galicia e deixara a súa afección, pero ao pasar polas terras de Bergantiños viñéronlle de novo as mañas de columbófilo. Debe ser que a nosa bisbarra inspira as relacións naturais, e non me quero referir con isto ao que dixo antonte o alcalde de Muxía con respecto ás vodas de gais. Os pombais son algo moi típico en Galicia. Non había pazo que non tivese un. Aínda hai algúns ben interesantes pola Costa da Morte. En Ogas, na Torre de Laxe, Daneiro e no Allo hai algúns que nos dan unha idea da importancia que tiveron as aves das que estamos a tratar. Os propietarios destas construcións aproveitaban as crías para facer bos guisos. Os demais tiñan que se contentar con cazar algunha polas agras. Unha vez coñecín a un mozo que ansioso de facer un bo xantar con uns pombiños regordechos que estaban no tellado do veciño colleu a escopeta do pai e dispúxose a cazar a algún daqueles fermosos exemplares. Como non gozaba dunha puntería moi fina o que fixo foi estragar o gran ventanal da casa. E sorte que non había ninguén detrás dos vidros. O caso é que o feito houbo de acabar no xulgado.