ARA SOLIS | O |
21 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.XA SE empezan a ver por aí os camións dos xeados. Bo sinal. Oense os ensaios de tambores e nas igrexas prepáranse con agarimo as próximas celebracións: brillar co sidol as coroas, limparlle o pó aos rostros e lavar e pranchar encaixes e mantos aos santos para a procesión. A Semana Santa é como un descanso, un preludio do verán e do bo tempo. Eu adoitaba ir á terraza da praia de Estorde. Panorámica sen igual, toda para min e os que coma min decidían pasar a tarde alí mirando o mar azul tan quedo que non se distinguía do ceo, só delatado por un mercante oscilando na liña do horizonte. Era difícil resistirse e baixar ata o areal, remangar os pantalóns e dar un paseíño pola beira da auga transparente, e logo o contacto coa area quente dos pes descalzos . Algúns meniños facían castelos de area e as gaivotas, quedas, sen se deixar perturbar máis que por algún impertinente que se achega, facéndolles levantar de mala gana o bó. A Semana Santa lembrame o Cristo de Fisterra, aqueles tempos mozos, cando aínda non nos deixaban quedar á festa de noite. Roupa de primavera, comer de campo, a tortilla e o bisté empanado, ao redor do campo da igrexa, o bullicio, as bombas de palenque e a Resurrección.