O pasado non só se escribe cos grandes períodos da historia (Neolítico, Romanización ou Idade Media). Tamén foron localizados elementos cheos dunha carga tradicional e costumista que nos falan de actividades e crenzas vivas non hai tanto tempo. Este é o caso da existencia dunhas pedras especiais atopadas en Miraflores e Nantón que tiñan unha función moi particular, eran as encargadas de quitar o veleno en caso de sufrir a picadura dun animal. Sen dúbida, o uso destas pedras volve poñer enriba da mesa o culto e os poderes que en Galicia se lle dan este material. Arredor destas pedras existen unha serie de rituais e procedementos non aptos para escépticos. Entre xentes, costumes e prácticas que se están a perder deuse co que debe ser un dos poucos ferreiros que seguen en activo na comarca. A actividade deste artesán supón un testemuño único para coñecer e rexistrar as particularidades dunha profesión que en tempos pasados era imprescindible. Igual de significativo foi atopar en diferentes aldeas do interior de Cabana ata seis poldros de ferrar, lugares estrictamente destinados para a ferraxe dos animais. En Cesullas, no lugar de O Esmorís, foron localizadas tamén unhas abellarizas de cortizo pouco comúns feitas en madeira. Entre plantas e frondosas árbores, Cabana seguía agochando máis segredos, esta vez en forma de dúas fermosas fervenzas, a da Balsa e a da Enfesta, coñecidas polas súas xentes e que a partir de agora van pertencer ao patrimonio natural colectivo. Todos estes contidos foron os que se deron a coñecer nas charlas que se desenvolveron en cada unha das dez parroquias do Concello de Cabana. En sesións de corenta minutos, os veciños participaron nas exposicións levadas a cabo por Martín Martínez, Ángel Eiroa e Xosé María Varela como coordinador do equipo, ademais da intervención de Tamara Lendo no remate de cada sesión contando lendas pertencentes a cada parroquia. Estas xornadas foron un éxito, xa que asistiu un público numeroso a cada unha delas. Este feito demostra o interese que polo patrimonio de seu teñen as xentes de Cabana, valorando a súa historia.