A emigración

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

04 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A EMIGRACIÓN sempre tivo dúas caras. Uns endereitaron a súa vida grazas aos cartos gañados no estranxeiro e outros fixeron méritos dabondo para pasar una vellez de soedade. Un amigo meu contábame un día destes que nunha viaxe que fixo e Edimburgo o pasado verán atopou estas dúas faces das que estou a escribir. Por unha banda, mentras almorzaba nun dos mellores hoteis da cidade, deuse a coñecer con un dumbriés que servía nas mesas con gran prestancia e finura. Ninguén diría, como el mesmo lle recoñecía, que ata a súa maioría de ideade andivera coas vacas a corda e máis dando cemento nas obras. Falaba o inglés como se nacese ao pé do famoso castelo da cidade escocesa e aínda chapurreaba o francés e máis o italiano. E dicía que o seu sorriso resolvíalle moitos problemas á empresa. A outra cara apareceu ao aparcar o coche. Un xalleiro de Santa Comba parou diante del e preguntoulle se era galego. Oírao falar coa muller ao estacionar. Aquel home contoulle que traballara na cociña dun bo restaurante mexicano. Mesmo fora o amante da dona mentras ela non enviuvara. Era unha fermosa loira que se namorou dun londinese rico, deixou o establecemento e marchou da cidade. Agora el quedou sen escocesa e sen traballo.