As migracións dos mascatos

Xosé Búa MUXÍA

CARBALLO

XESÚS BÚA

Reportaxe | Espectáculo natural Milleiros destas enormes aves mariñas atravesan estes días o mar da Costa da Morte en dirección ao norte das Illas Británicas, onde lles espera a parella

03 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Levamos un inverno atípico, na maior parte con vento de nordés, que trae moito frío e pouca choiva, máis propio da primavera ou do comenzo do vran. Isto acelerou o proceso da floración: a parte sureste da Virxe do Monte, en Camariñas, que é na que primeiro florea o toxo da Costa da Morte, xa estaba amarela en xaneiro, pero no mar, alleo a trocos climáticos, a chamada do instinto non vai co tempo. Nestes meses, un bullicio que pasa desapercibido para o mundo terrestre estoupa con gran forza. Baleas, touliñas (delfíns), caldeiróns, arroaces, curricachos, charráns, pardelas, araos (moi poucos), alcas e outros animaliños que, quen sabe que serán; peixes raros nas redes dos mariñeiros, todos eles chegan coas correntes do norte ou das zonas tropicais. Pero entre todo este maremagnum de vida animal, destaca a migración dos mascatos, que é o nome polo que coñecen os mariñeiros ao alcatraz. Trátase dunha ave dunha envergadura de dous metros (coas ás estiradas) que planea a poucos centímetros da flor da auga, e que cando pesca vai ás alturas tirándose coma un kamikace. Sumérxese a varios metros de profundidade, saíndo á superficie co peixe xa na gorxa -de aí a expresión mariñeira «comes coma un mascato», cando un traga sen masticar-. Estas impresionantes aves de cor branca, coas puntas das ás negras, peteiro azulado e pescozo amarillento, ten o seu paso migratorio fronte ás nosas costas, en dirección ao norte das Illas Británicas, onde se reúnen coa sua parella, que é a mesma para toda a súa vida. Desde terra, pódense admirar en puntos coma o cabo da Nave en Fisterra, Touriñán e a Buítra en Muxía; Cabo Vilán en Camariñas, o Roncudo en Corme, ou nas Sisargas, en Malpica. Non son amigos das zonas poboadas, aínda que se poden ver pasar a simple vista nos lugares nomeados, se o tempo e bo, as columnas migratorias de entre dous e trinta individuos en liña ou en formación en uve. Con anteollos si que se pode disfrutar da envergadura e sutileza do seu voar e planeo. Cando están criando túrnanse na atención aos ovos, e poden percorrer ata 400 quilómetros para capturar alimento para as crías. Voltarán ao sur polas nosas costas, aló por setembro. As crías serán grandes, de cor gris escuro, máis gordas e torpes ao voar e ao pescar. Mesmo chegan a apuntar mal ao tirarse por un peixe e caen na cuberta dos barcos. Algunha mátase co golpe. Son, en fin, millóns os mascatos que pasan pola Costa da Morte nestes meses, e son máis os que regresarán despois da chamada da lei natural da época da cría, na que deixan moitas millas atrás, ata a Antártida. Cando volten estas aves da familia do sulidae, serán adultas e volvan a buscar á súa parella aló polas illas do Atlántico norte, un fito incrible: recoñécena entre millóns de conxéneres. Un nobre espectáculo do animal que, durante o Prestige , foi o máis prexudicado de todos, xa que o fuel colleuno entre as dúas migracións.