Buño recupera cinco séculos

Pilar Prego Lamas CARBALLO

CARBALLO

CASAL

Reportaxe | Patrimonio etnográfico O proxecto de musealización e rehabilitación do barrio do Forno do Forte é unha peza clave para entender o que foi a olería e o que pode chegar a ser no futuro

26 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Non fai moitos días que se facía pública a convocatoria para a musealización e rehabilitación dun dos poucos exemplos de barrios oleiros de Galicia, o Forno do Forte. Este barrio encravado na parroquia malpicá de Buño supón un paradigma para coñecer como vivían e traballaban os antigos oleiros e as súas familias. Coa iniciativa de musealizar este conxunto quérese completar un proxecto comezado en 1998 coa restauración das diferentes edificacións que compoñen o conxunto oleiro. Aínda que galeguizado, pois orixinariamente coñecíase como «o do Fuerte», o Forno do Forte é un conxunto de edificacións que co tempo fóronse agregando a unha primitiva vivenda de labradores. A partir de aquí, no que na orixe comprendía unha casa grande co seu cabazo, dou lugar a unha serie de vivendas e a outro tipo de edificacións, como o alpendre, que servía para gardar a leña necesaria para a cocción e tamén para o almacenamento doutros aparellos vinculados coa actividade oleira. Pero, sen dúbida, o elemento vertebrador, e case o que lle dá significación a todo o conxunto, é o forno de leña, disposto nun lugar privilexiado, pois do inferno deste saía o pan de moitas familias en forma de pucheiros e cuncas que logo eran levadas ás feiras, iniciando unha viaxe que levaría o bo facer dos oleiros de Buño ata Carballo, Betanzos ou Ares. O prestixio actual da olería de Buño vén dado por dous condicionantes que non se entenderían o un sen o outro. Por un lado, a calidade do barro, materia prima indispensable, e, polo outro, a innegable mestría dos homes que coas súas mans elevan a técnica a categoría de arte. Como conta Antonio Pereira, O Rulo , oleiro e presidente da Asociación de Oleiros de Buño, antigamente o barro extraíase de maneira manual do Coto dos Barreiros, situado nas proximidades da fábrica El Progreso. Na actualidade é esta fábrica a que suministra o barro envasado en tacos e listo para utilizar. A actividade oleira de Buño coñécese dende o século XVI, apreciando daquela as características que facían deste barro un elemento idóneo para a fabricación de pezas para o uso diario. A calidade natural deste material vén dada pola plasticidade e a boa resistencia que ten aos cambios de temperatura aos que se ve exposto. Pasados os anos, o barro segue a ser o mesmo e a maneira de traballar parece que tamén, malia que a finalidade destas pezas xa non sexa funcional, senón máis ben estética. Como di Pereira, «agora trabállase máis para a vista que para o uso, pero a maneira de traballar é a mesma». Desenvolvemento O percorrido da cerámica de Buño é longo, pero na súa andaina ata os nosos días viviu épocas de luces e de sombras. Dende o século XVIII coñécese o auxe desta actividade gracias aos datos aportados polo catastro do Marqués da Ensenada, un compendio de información realizado no 1752 onde se recolle datos das diferentes localidades. Este catastro recolle a actividade de 77 oleiros que traballarían en 73 talleres no século das luces. O incremento de traballo e talleres veríase materializado no século XIX, chegando a principios do século XX ao seu cénit, con 114 obradoiros. A crise chegaría ao sector nos movidos anos sesenta do século pasado, cando a competencia de productos industriais, xunto coa despoboación provocada tanto pola emigración como polo éxodo do rural ás cidades, provocarían o abandono progresivo desta actividade. Grazas á iniciativa dos propios oleiros de Buño, que lle volveron tomar o pulso á práctica herdada durante séculos, a cerámica viu o seu renacemento particular con iniciativas como a Mostra de Olería, que cada agosto segue a ser unha cita ineludible no Centro Comarcal de Bergantiños, onde tamén se atopa o museo adicado a esta práctica, o Alfar. Outra das iniciativas que serviu para dar pulo a esta artesanía foi a unificación dos diferentes traballos e oleiros nunha mesma imaxe corporativa para facer desta olería algo recoñecido e de deseño propio e diferenciado. O futuro Todos eses proxectos están a dar o seus froitos, e a olería de Buño está a resistir o envite brutal da modernidade, aunando no mesmo torno sensibilidade histórica coa a supervivencia diaria. Quizais unha boa maneira de que o coñecemento do pasado non se esqueza no futuro sexa mantelo, conservalo e explicalo a través dos vellos fornos e vivendas de aqueles que puxeron o seu esforzo e xenialidade. Sen dúbida é isto o que se quere poñer en marcha coa musealización e rehabilitación do Forno do Forte, o mellor exemplo para entender o que foi, o que é e o que pode ser a olería de Buño, un enclave etnolóxico sen parangón.