O CARTAFOL | O |
10 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.VOU CONTAR hoxe algunhas anécdotas do centro escolar de Rus (agora de Coristanco) que se inaugurou en 1976 co rimbombante nome de Colegio Nacional Sargento Provisional. Naquela época había que formar unha fila india antes de entrar. O máis pequeno tiña que poñerse de primeiro e o máis alto de último, o que supoñía unha certa humillación por unha razón ou por outra. Pero o peor era que o mestre nos daba, así como quen non quere a cousa, cunha vara na punta dos dedos. Non o facía por mal, pois era moi humano, incluso un día ensaiamos unha cántiga para cando viñese a inspectora. Mauro, non sei por que, porque era un rapaz moi intelixente, moi listo nas matemáticas, trouxéralle ao mestre unha vara de vimbio ou de mirto, non recordo, pois a outra rompéralle non sei como. O mestre deulle as grazas. Pero cando non estaba o mestre, este deixábaa enriba da mesa e Carlos dáballe con ela no lombo a Mauro. «¿Por que lle trouxeches a vara?», dicíalle mentres lle zoupaba, e o outro marchaba chorando coa cabeza baixa. Reborido Gardo un grato recordo de Reborido, que era o mellor escribindo redaccións. Aínda que os textos agora resulten un tanto infantís, daquela eu sentía admiración por el. Reproduzo a continuacón algúns fragmentos dos seus escritos entre comiñas. «Durante o recreo algunhas veces xogo á pelota, outras corro. Pásoo moi ben cos meus compañeiros. Cando chove non podemos xogar porque o campo ten moito barro, pero xogamos no patio». «A circulación é perigosa porque causa unha cantidade incrible de mortes, tamén é perigoso adiantar, e correr con velocidade excesiva, e cando hai sinais de stop algúns non paran. Para evitar estes perigos hai que mirar os sinais de tráfico que para iso están». «Algúns días, cando saio da escola, estudio a lección. Outras veces axúdolles aos meus pais a facer os labores da casa, bótolles de comer ás vacas e de beber e outras cousas máis». «O circo é moi bonito, rinse os pallasos, a min gústame moito, e os artistas tamén, tamén me gusta cando ensinan ás feras a facer cousas; no circo vense cans que saben sumar e restar». «A amizade é boa. Si, se non houbese amizade, non nos axudariamos uns aos outros e habendo amizade axudámonos uns aos outros no que podemos». «O inverno é chuvioso, frío, triste, e as árbores non teñen flores nin follas; na primavera florecen as árbores e os campos». Grazas, Reborido.