ARA SOLIS | O |
04 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.O ALCALDE de Cabana inaugurou onte á noitiña unha biblioteca e fixo unha festa. Non é para menos. Se as aperturas de rúas ou estradas merecen actos oficiais con carpas, cortes de cinta, foguetes e churrascadas, non pode ser menos unha nova vía para a cultura e para viaxar co maxín polas follas dos libros. Una celebración por un novo instrumento da cultura debe ser festexado como compre. Ler, ademais dun pracer, é unha necesidade. A biblioteca de Cabana leva o nome da poetisa local María Baña, una desas mulleres que se a vida lles dese outras oportunidades hoxe en día poderían figurar na historia da cultura deste país. Nas nosas aldeas houbo e hai moitas mulleres como María Baña. Eran quen de cantar, de bailar, de compoñer poesías e inventar historias fantásticas que se foron co seu saber o día que pecharon os ollos para sempre. En case todas as aldeas había algunha. Unha que coñecín non só lembraba todas e cada unha das coplas que se cantaban nos bailes cando era moza. También era quen de regueifar, quitar o aire, facer a permanente, arrancar moas, asar sardiñas nas festas e afeitar aos mortos, entre outras moitas cousas das que nin me lembro. Aquela muller era un pozo de sabedoría. Aínda así, e anque era todo alegría por fóra, no seus adentros había un mar de tristura. Nunca casara. Os pais non lle querían ao seu amor porque era pobre. El marchou para América e prometeulle que cando gañase os pesos necesarios voltaría á terra para casar. Ela esperou a que se cumprise a promesa. Rexeitou outros ofrecementos, pero o seu xilgaro nunca voltou. O tempo foi marcándolle engurras na face e máis nos recordos. Ata lle dedicou un cantar que só se lle oía cando andaba soa polos camiños.