Entrevista | José Manuel Santos Maneiro O máximo responsable da asociación renuncia a presentarse de novo ao cargo, aínda que seguirá formando parte da directiva
03 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.? actual presidente de Neria non volverá a selo nas eleccións do vindeiro 5 de marzo, xa que renuncia a postularse ao cargo. Podería facelo, xa que, como alcalde que é de Mazaricos, é membro nato da xunta directiva, pero non quere. Santos Maneiro, de 45 anos, natural de San Cosme de Antes, enxeñeiro técnico agrícola, chegou á comisión permanente de Neria, como vicepresidente, o día 29 de decembro de 1999, en sustitución do demitido José Mira Turnes. En xaneiro do 2001 asumiu a presidencia por un tempo de forma interina, xa que o titular, Julio Díaz, deixáraa por motivos persoais. O 2 de marzo do 2002, día das últimas eleccións de Neria, foi elixido presidente. Nestes tres anos non houbo ningún tipo de convulsións internas nin externas á entidade, algo máis ou menos insólito vendo algúns precedentes. -¿Por que non quere volver a presentarse? -Porque teño que distribuír o meu tempo. A alcaldía exíxeme e ocúpame moito, e Neria, se o que se quere é facelo ben, e eu quero, tamén. -¿Marcha contento? -Voume contento e satisfeito co traballo desenvolvido. En gran parte teño que agradecerllo ao equipo de traballo de Neria, á colaboración que tiven todo este tempo. Home, estar tremendamente satisfeito é imposible, porque sempre hai máis obxectivos marcados que logros conseguidos, pero creo que o balance non é malo. -¿Destaca algo en concreto? -Eu creo que se fixo unha labor que se deixará notar. Ademais de numerosas cuestiós materiais, moi positivas para os distintos concellos da zona neria, penso que algo importante foi dotar a Neria dese aire de entendemento que debe ter, de facer as cousas por consenso, de apego á realidade e coñecemento dos seus problemas. -¿Algunha palabra para o seu sucesor ou sucesora? -Non son quen de darlle consellos. Se acaso, que traballe moito pola nosa terra. Cada un sabe o que ten que facer e como o ten que facer, ou que neste tipo de entidades fai falla un clima favorable para desenvolver o traballo. -¿Quédalle algo pendente, algo que quixera ter feito e non puido? -Sempre hai cousas. se cadra, traballar e integrar a concellos de áreas limítrofes á de Neria, ou cambiar o modelo de financiación. -¿Vai seguir dando o seu apoio á asociación, quede como quede? -Seguirei apoiando a Neria, por suposto. Iso está máis que claro. Outra cousa é que en seis meses pase algo ou eu cambie de opinión. É importantísimo que exista unha asociación a este nivel. Estase vendo o que se fai. Hai que facer aínda máis cousas, ir cara adiante.