Solidaridade

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

BERRO SECO | O |

27 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A SOLIDARIDADE, ademais de ser unha necesidade, está de moda, o cal é moi bo. Xurden iniciativas por todas partes, a cal máis orixinal. É unha demostración de que a xente ten sensibilidade e sinte o mal alleo. Un non é capaz de sacar do maxín as imaxes que todos os días saen na televisión e nos xornais, con milleiros de cadáveres das vitimas do tsunami. O mar dou un couce mortal e asolou todo o que había nun lugar ao que viaxaba media Europa para pasar as vacacións. Moitas entidades promoven accións para recadar cartos coa fin de axudar aos danados pola traxedia. Os nenos de varios colexios participarán hoxe neste sentir xeral. En Carballo fan un maratón solidario, no que ademais de correr ou andar vai haber que pagar. Unicef organizou un festival para mañá en Corcubión. Outro acto interesante. Hai que ir, anque isto dos festivais ten o seu aquel. Recentemente houbo un na bisbarra e un home que pagou a entrada dixo que tamén pagaría por no escoitar a algún dos artistas invitados. Pero o máis singular, sen dúbida, é o partido que argallaron en Vimianzo entre funcionarias e funcionarios. Quen verá a algún barrigudo correr polo campo no medio das mozas ben feitas.