O mercado

ELISA ÁLVAREZ CASAIS

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

18 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

UNHA DAS propostas máis interesantes para pasar unha mañá de domingo na Costa da Morte é, sen dúbida, dar unha volta polo mercado que se celebra en Cee. Nalgún lugar vin unha foto en branco e negro da primeira praza, alá polos mediados do século anterior, que se ubicaba na rúa que se adentra na praza da Constitución. As mulleres coas saias longas ata os pes e os panos na cabeza que se poñían a cada lado da rúa, nun lado as patacas e o millo e noutro os ovos, as galiñas, o leite, a froita e os moletes de pan de Carballo. Tratábase, prioritariamente, dun intercambio de productos. Logo, máis adiante, eu xa recordo de ir ao mesmo paseo da Alameda a mercar a froita coa miña nai e os postos que xa se me debuxan lonxanos a ambos os dous lados do paseo e tamén algúns postiños de calzado e roupa diante mesmo das escaleiras da escola de nenas. Todo moi reducidiño, dacordo con aqueles mundos. Hoxe en día, máis ca un intercambio de productos de primeira necesidade, converteuse nun gran centro comercial aberto no que se poden atopar todo tipo de mercadorías: téxtil, calzados, complementos, prantas, fogar, regalos, froiterías, música, tela mariñeira... ata gafas de ler vin eu unha vez. É como unha festa semanal. Se o tempo acompaña, a afluencia de coches é continua, aínda que pasen traballos para aparcar. Aínda así, debe merecer a pena, porque a xente anda ás presas coas caras ledas, os nenos ao catecismo, as mulleres cargadas de bolsas e as caras cheas de satisfacción, as vendedoras coas ristras de cebolas ofrecéndoas, o regateo, os corrillos, a xente que se atopa e se para a falar no medio da praza, os homes cos chiquitos, as mulleres que xa deixaron o xantar feito reláxanse tomando un vermuíño . Non, a cousa tenche o seu aquel..