A SEGURIDADE CIDADÁ A DEBATE | O |
13 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.¿ATA CANDO haberá que manter o estado de sitio na rúa da Estrela de Carballo? ¿Cando os cidadáns nos sentiremos seguros fóra das nosas casas? ¿Poderemos algún día deixar que os nosos fillos saian de noite sen medo a que os zurren sen teren culpa ningunha? ¿Que perseguen os alborotadores coa súa actitude? ¿Están encirrados por alguén? ¿Será certo logo que lles pagan para que a xuventude vaia escoitar a música a outra parte? ¿Por que non se presentan máis denuncias? ¿Será porque non nos ampara a xustiza? ¿Por que se ve tan desprotexida e maniatada a Policía Local? ¿Por que un delincuente habitual e reincidente vai declarar perante o xuíz e ao día seguinte xa está fóra ríndose e pasándolle a man polo lombo (coma quen di) á Garda Civil? ¿Por que se foi de Carballo a Policía Nacional? ¿Por que os cidadáns honrados teñen que intentar solucionar este problema tomando a xustiza pola man? ¿É un feito illado ou é un fenómeno premeditado e ben organizado? ¿Temos mafia en Carballo ou son simples rateiros, delincuentes de pouca monta, delincuentes de pacotilla, afeccionados á troula? ¿Que queren? Se queren algo, que o pidan por medios pacíficos, sen meterse coa xente que só quere pasar unhas horas de diversión cos amigos. Movida» Carballo é unha das principais zonas de movida na comarca de Bergantiños. A movida carballesa merece o apoio de todos para que non decaia, para que conserve a súa saúde. Para os proxenitores é mellor que os seus fillos estean cerca da casa por múltiples razóns. É así como hai que actuar, con contundencia, para que non aumente a problemática, para parar esta barbarie, para que os mozos non busquen alternativas en Ordes, en Carral ou noutro sitio, lonxe dos seus fogares. Para desprazarse, terán que utilizar os coches que os pais poñen á súa disposición, pois todos queremos o mellor para eles e pensamos que o mellor é que teñan coche de seu e non teñan necesidade de coller un taxi, se ben neste aspecto quizá esteamos equivocados e mellor sería que alugasen un autobús entre todos para eliminar o risco de ter un accidente despois dunha longa noite de tabaco, copas e cousas máis perigosas nalgúns casos. Os psicólogos aconsellan que polo menos unha persoa do grupo non beba, pero creo que esta medida é difícil de cumprir por considerar que esta historia non vai con eles, por pensar que a eles nunca lles tocará a mala sorte de ter un accidente. Pero ben sabido é que as cifras de accidentes mortais entre os rapaces do noso contorno producen calafríos.