ARA SOLIS | O |
23 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.INFÓRMOME DE que o Coro Aires de Bergantiños celebrou o seu dezanove aniversario e ven ao meu maxín a figura de Carlos O Xestal, un contacontos á antiga usanza que se preocupaba pola cultura popular e que animou a un grupo de amigos a fundar esa coral que, aínda que a «algunha» lle pese e só se fixe nas súas vestimentas, leva case dúas décadas percorrendo a xeografía galega coas súas cantigas tradicionais. Agora que están tan de moda na televisión os programas estilo El club de la comedia , non estaría mal lembrar que aquí cerquiña nosa, en Carballo, viviu durante mais dun cuarto de século un dos maiores monologuistas que deu a cultura galega, un contacontos máis que un chistoso, que coas súas historias nos facía rir e nos facía pensar. O Xestal foi diferente por moitas cousas e parece que a algúns non lles interesa que unha persoa «diferente» (as aspas llas poñen eles) sexa lembrada pola sociedade. Son eses mesmos que queren esquecer que foi perseguido polo réxime franquista e tivo que agacharse en Baldaio durante algún tempo, que, estou seguro, dedicou a romperse o maxín en inventar historias coas que facer rir a eses mesmos que algún día o quixeron facer chorar. Non o conseguiron.