Monumentos da auga

Pilar Prego Lamas CARBALLO

CARBALLO

CASAL

Reportaxe | Arquitectura popular Os muíños constitúen, xunto con outros exemplos da arquitectura tradicional, un eslabón máis do inxenio popular. Estas construccións albergan múltiples aspectos para entender a sua esencia: técnicas, tipoloxías ou sistemas de propiedade

18 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Os muíños son elementos que durante moito tempo serviron ao home para desenvolver unha actividade primaria esencial: a alimentación. Son innumerables as construccións deste tipo que podemos atopar nas ribeiras dos grandes ríos e dos pequenos regatos, humanizando as frondosas paisaxes das que somos herdeiros, deixando unha pegada excepcional na utilización dun recuso natural e de valor incalculable: a auga. O lugar da ubicación dos muíños depende en gran medida da enerxía producida pola corrente do río, e cando esta amosa non ser suficiente, o inxenio popular procurou de solucións para conseguila e almacenala, a través de longas canles ou pequenas presas chamadas cubos. O obxectivo principal do muíño amosase claro, converter o gran de millo, trigo ou centeo en fariña para facer o pan e demais alimentos derivados dela. Os muíños, pese ao seu obxectivo principal, conformaron un exemplo xenuíno da cultura popular, pois nela converxen tradicións e maneiras de entender a vida. A súa función era vital en calquera aldea, polo que de xeito natural fóronse convertendo en lugares de xuntanza e espazos veciñais de esparcemento. Eran lugares de intercambio social entre as xentes do lugar e incluso xerándose costumes de convivencia comunal que ían dende o uso e dereitos sobre o muíño ata a distribución das augas para o rego dos prados nalgunhas zonas. Neste senso, o dereito sobre a construcción varía según a propiedade, podendo ser de particulares que ceden o uso aos veciños, de herdeiros máis de uso privado e familiar e os máis abondosos, chamados de maquía. As «pezas» Como exemplo, na zona de Ponteceso eran comúns as denominadas pezas, que viñan a ser o tempo de moa de varios veciños propietarios dun muíño. Estes donos das pezas eran coñecidos como parcioneiros . Os muíños e o entorno destes eran un ir e vir de xentes levando e traendo foles cheos de gran e fariña. Da mesma maneira o trasego continuaba pola noite, dando lugar a pantasmagóricas imaxes co rexurdimento de pequenos fachos alumeando os camiños. Estes mecanismos e as súas actividades xeraron ao longo do tempo unha gran riqueza cultural baseada na aparición de cantigas, lendas e contos, tendo como protagonista excepcional o vello muíño. Así pois, estas edificacións son unha inesgotable fonte de inspiración que veñen a definir a riqueza etnolóxica de un pobo, ao través dos seus costumes e tradicións. Da mesma maneira que estes tipos tiveron un protagonismo indiscutible para os nosos antergos, na actualidade estamos a presenciar a progresiva desaparición do muíño tradicional, froito do abandono. Grazas á conciencia que está a xurdir, os estudios sobre estas construccións están a ser abondosos, pero máis nunha perspectiva global que dende unha perspecitiva particular e individualizada. A posta en marcha de iniciativas de recuperación parece ser a resposta máis eficaz para a súa valoración e disfrute.