Don Camilo

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

03 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

COMENTÁBAME días atrás un doctor santiagués que non sabía como podía vivir na Costa da Morte. Dicía o galeno que seguramente el se aburriría moito por Bergantiños porque por estas terras nunca sucede nada de relevo. Contesteille que estaba moi trabucado porque se un se vai metendo no entramado social desta bisbarra non ten tempo para botar de menos toda a programación cultural dunha vila como Compostela. Veume entón ao maxín que as célebres liortas do crego don Camilo e máis do alcalde comunista Pepone non son nada coas que ten tido algún rexedor con algún veciño do noso Fisterra, con denuncia vai e denuncia ven, sentencias, algaradas públicas e outros acontecementos que enchen horas e horas de conversa nestas tardes frías nos bares da bisbarra. Téñenme contado como un lugareño dicía que o seu alcalde lle pasaba documentos a Gadafi nos foles das gaitas galegas que lle mandaba de agasallo. Daquela seica iba a Libia vía Malta e, pola noite, entraba en territorio de Gadafi en barco ou en patera con grave risco para a súa integridade persoal. Ou como dende a súa vila se controlara o golpe de Estado do 23 de febreiro. E moitos máis sucesos fantásticos cos que o xuíz de instrucción ría a cachón mentres lía as declaracións no seu despacho.