ARA SOLIS | O |
20 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.É IMPOSIBLE ficar calado ao contemplar a exposición coa que nos regala Milagros Cotelo no Pazo da Cultura en Carballo. Se a arte está para espertar a sensibilidade os seus cadros o conseguen con creces. Amosan soidade, dor, melancolía, ausencia, incomunicación e , sobre todo, vida; sentimentos puros que nacen na mente da artista e renacen en nós que como espectadores gozamos dese dualismo ontolóxico de paisaxes e figuras. Nas primeiras non aparece o ser humano, son naturezas borrosas e expectantes olladas pola mirada da pintora que está nelas sabéndose ausente fisicamente; destaca a soidade dun faro solitario e mudo, cronoloxicamente o cadro da despedida. Pero, por riba de todo, na obra de Milagros sobresaen as figuras que te observan estáticas e silenciosas, unhas imaxes que parece que berran dor e rematan por acariñar o teu corazón amosando o sentido humano da vida. Ollalas non é soportar pasivamente a presencia de algo, senón aceptar o contemplado e establecer unha comunicación coas obras que conxugan intelecto e sensibilidade a partes iguais. Nese equilibrio entre razón e paixón que é a creación artística a pintora rompe co mundo ordinario e traballa entre o real e o ideal transformando a nosa visión da realidade convidándonos a descubrir universos novos que nos atrapan e empuxan a non ficar nunha mirada escura, pasiva e silenciosa. Aquí a exposición faise verbo discursivo e a dinámica da percepción estética incita á verdadeira arte _o diálogo_ invitándonos a reflexionar sobre as circunstancias da nosa propia existencia poñéndoa en relación coa dos demais. Unha vez que ollemos esa realidade transfigurada o mundo xa non volverá ser coma antes.