Deica a próxima

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

08 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

DENDE a primeira radiografía que saíu como tal (25/07/2002) ata esta que agora mesmo lles escribo van aló unhas setecentas crónicas. Dende que alguén me deu unha oportunidade impagable, os meses, incluso os anos, pasaron con esa fugacidade que lles é intrínseca. Díxenllo algunha vez, a mellor definición do tempus fugit escoiteilla á miña avoa que, por suposto, nunca se entretivo con tratados de filosofía: «Neniño, ao tempo non hai cabalo que o colla». As columnas foron murchando coa rapidez coa que amarelan as follas dos xornais. Hoxe redáctolles a última desta xeira. Atrás quedan moitos personaxes que, con pasos dubitativos ou firmes, foron desfilando por estas liñas. Algúns eran tan reais que queimaban as teclas nos dedos, outros foron simplemente compañeiros de noites en vela. Non sería xusto se non lembrase por última vez ao Marelo, un can veciño da Tablilla que me ensinou que a liberdade non ten prezo. Cando un enche de caracteres a pantalla do ordenador é consciente que ao outro lado hai xente. Un aloumiña a idea de que algunha columna sobreviva, que deixe pegada, aínda sabendo de sobra que as liñas dos xornais son como bolboretas con data de caducidade. Recordo agora con nitidez unha escena nun café de Carballo. Na mesa do lado, unha moza lía con atención unha radiografía. Espieina e comprobei fascinado que na súa boca se debuxaba un sorriso do tamaño dun merlo. Saín a rúa como se acabara de presenciar un diminuto milagre. Hoxe, mentres escribo este breve epílogo, gustaríame pensar que a vostedes, lendo algunha columna, se lles presentou o mesmo merlo na boca. Sería a mellor recompensa. A todos, deica a próxima.