Lobos

| XOÁN POSE VIÑA |

CARBALLO

O CARTAFOL

04 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ALÓ POLO ano 2000 denunciáronse ataques de lobos en Ponteceso. Para darlles respostas concretas aos veciños, a Consellería de Medio realizou unha serie de investigacións que non convenceron demasiado. A fantasía da xente chegou ata tal extremo que mesmo houbo quen dixo que eran botados desde os helicópteros con non sei exactamente que finalidade. Sería por aquelo de manter o equilibrio da natureza. Agora o perigo axexa en Vimianzo. A xente está moi preocupada porque os cánidos non respectan as regras do xogo e desfán os rabaños de ovellas e as manadas de cabalos. Ante esta situación, tampouco non hai unha actitude convincente por parte dos organismos públicos que teñen competencias neste asunto tan delicado. A xente quere actuar pola súa conta á marxe do establecido legalmente. Os vimianceses queren coller as súas escopetas e realizar, na medida do posible, matanzas indiscriminadas. E non lles quito razón, se as feras salvaxes seguen comendo carne fresca sen o permiso dos seus donos. Hai que defenderse como sexa para protexer os animais domésticos, tan pacíficos eles pacendo nas leiras ou no monte. Os lobos antes só se vían entre o toxo, nas chousas grandes, nas corredoiras sombrías. Agora seica perderon a vergonza e achéganse ata as casas, desafiando á xente que protexe o seu. Se é unha especie protexida, hai que facer ben as cousas. A mellor solución sería, como xa se dixo en múltiples ocasións, buscarlle un hábitat adecuado para que non se produzan os estragos que coñecemos. A mesma desconfianza existe cara ó raposo, que come as galiñas, e co porco bravo, que destrúe as leiras de millo e todo o que atopa por diante. Gracias ao lobo, rodáronse moitas películas (unha das boas é a protagonizada por Jack Nicholson e Michelle Pfeiffer) e escribiuse moita e boa literatura. ¿Quen non coñece os relatos de Dieste ou de Ánxel Fole? E os contos galegos de tradición oral? ¿Quen non botou man algunha vez da lenda do lobishome para describir a actitude dalgunhas persoas cos seus semellantes? Ten moito éxito entre o público xuvenil unha novela curta de Xosé Miranda titulada Pel de lobo , na que Fulxencio Nóvoa e o seu fillo Xosé tiñan sona de bos tiradores e solicitábanos para que os fosen matar. Tamén a maioría coñece o conto do rapaz que mentía sempre dicindo que viña o lobo, ata que veu de verdade e ninguén o foi axudar.