O DÍA do Pilar, lendo o xornal La Voz de Galicia (ás seis da tarde), doume un volco o corazón ao ver o pasamento dun dos mellores amigos que tiven na miña vida: Pepe de Valiña, José Rojo Valiña. Estremecinme ao ver que, anque quixera, xa non podería, dende Malpica, chegar a darlle, de corpo presente, o meu derradeiro adeus. Unha gran ansiedade apoderouse de min e, con bágoas, fíxome lembrar tantas e tantas cousas acontecidas desde que nos coñecéramos no ano 1970. El tiña 27 anos e eu, 29. Nesta triste data vin que finaron dous supermáns . Un, Christopher Reeve, que foi Superman na ficción, e o outro, un supermán fóra de serie e verdadeiro, José Rojo Valiña. Superman , porque loitaba con forza, con enerxía, pola cultura do seu Baio tan querido, e xamais o atopabas canso. Preparaba cousas para os antroidos, para o teatro... fundou e axudou a asociacións como Labarta Pose, Peña da Unha e outras, foi directivo do Clube Deportivo Baio, escribiu cantidade de cousas, e foi a súa derradeira fundación a agrupación músico-cultural Xan Mella. ¡Ai, Superman , Pepe! Lémbrome do amor que inculcaches á xente e á túa familia para comigo, e así lograches que quixese tanto a Baio. Non podo esquecer cando eu comía na túa Casa Ovidio e, mentras, deixábache o listado de artículos en venta e facíasme o pedido nun papel branco de envolver, escribíndoo, con gran inxenio, en xeroglíficos que tanto nos gustaban aos dous. ¡Que mágoa non ter conservado algún! Pensei que só sería eu o que, con ollos de bo amigo, recoñecería profundamente as cousas que con humildade fixeches polo teu Baio querido, pero con gran ledicia lin e recortei para gardalos os artigos que fixeron no xornal Ana Viza, Antonio Díaz Amor, Xosé María Lema e Xosé Manuel Varela. Eu, como eles, pregaríalle a quen proceda que este gran Pepe- Superman non quede no esquecemento do seu pobo, polo que tanto se entregou e pelexou. Habería que crear, pero xa, algo para poder pasar á posteridade, algún premio, algún certame, e, sobre todo, que xamais se desfaga a túa derradeira obra , a agrupación Xan Mella, moi importante, especialmente para as súas extraordinarias irmás, Olga e Teresa. Gracias, Pepe, por regalarme 34 anos da túa amistade nesta vida, e prégolle a Deus que faga porque nos atopemos na outra para seguir sendo amigos eternamente.