«O importante é a conexión entre as dúas Administracións»

CARBALLO

Entrevista | José Manuel Pose Mesura Onte cumpríronse tres meses do seu nomeamento para o organismo público, despois de toda unha vida dedicada ao ensino, ao sindicalismo e á actividade política

24 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

José Manuel Pose Mesura (Barizo-Malpica, 1950) é o director provincial do Inem desde 24 de xullo. Catedrático de Latín, este curso cambiou as aulas polo axetreo que conleva un cargo de responsabilidade como o que vén de estrear. Paradoxicamente, nos últimos tempos exercera como secretario xeral da Federación do Ensino de UXT-Galicia. Agora está do outro lado, do da Administración coa que tanto ten lidiado. - ¿Como se produciu o seu desembarco na Dirección Provincial do Inem? -Carambolas da vida. Ofrecéronme a posibilidade de ocupar o cargo, penseino e dixen que si. Pareceume un reto importante, e penso que a miña sensibilidade política e sindical pode conectarse perfectamente co quefacer que teño na Dirección Provincial do Inem na Coruña e como coordenador das outras provincias de Galicia. - ¿Cales son as funcións dun director provincial dun organismo coma éste? -O director provincial do Inem ten unha serie de competencias. Entre outras, facer que en toda a provincia funcione o servizo de prestazóns, que é o único que queda sen transferir á Xunta de Galicia. O resto, as políticas activas de emprego, a formación..., está transferido á Xunta de Galicia. A nós quédanos aprobar ou denegar as prestacións, é dicir, que o currito que está no paro cobre ou que o que está cobrando indebidamente deixe de cobrar, ou tamén que o empresario ou un emprendedor que queira crear postos de traballo teña subvencións para que así sexa. Iso non depende do director provincial, que só certifica, dá fe e aplica á lei; depende da lei que existe nestes momentos, e eu son quen, en último extremo, acorda ou decide facelo. O importante é que haxa conexión entre as dúas Administracións para que o cidadán estea ben servido. É a nosa obriga, tanto duns coma doutros. - ¿Existe esa conexión? -Teño que dicir que si. Tanto da Administración central coma da Administración da Xunta de Galicia, os funcionarios que están traballando nas oficinas teñen unha relación fantástica. Carballo é o único sitio onde hai algúns problemas, que máis que entre si eu creo que veñen derivados ao mellor por disfuncións na atención ao público. Teño que dicir que estou visitando as oficinas da provincia, en conxunto coa delegada da Consellería de Asuntos Sociais, porque nos parece que, xustamente, é unha medida boa para ver todos os problemas que hai. E ata agora teño que dicir que non hai problemas relevantes para o conxunto da provincia. - Para vostede suporá un cambio importante, despois de tantos anos dedicado ao ensino. -Si. No ano 1978 ocorreron tres grandes cousas na miña vida: aprobouse a Constitución, que moitos levabamos moito tempo pelexando pola liberdade e pola democracia; naceume unha filla e aprobei as oposicións. Para min foi un gran ano. - Agora deixa as aulas por un cargo político. ¿Desde cando vén a súa vinculación coa política? -Desde rapaciño. Eu pertenzo ao Partido Socialista desde 1972. Facía eu terceiro de carreira. Algo xa choveu. - E, curiosamente, tamén é sindicalista, aínda que agora lle toque estar do outro lado. -Si (risas), pero como teño a visión dos dous lados procurarei ser sensible ás peticións que haxa.