«A Universidade ten que conectar coa realidade»

La Voz S. G. | CARBALLO

CARBALLO

Entrevista | Ricardo García Mira Carballo é, hoxe, o primeiro dos tres lugares escollidos da zona para as Aulas na Costa da Morte, un foro aberto ao análise e a reflexión

22 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

?omenzan hoxe en Carballo (Pazo da Cultura, 11.45 horas), as Aulas na Costa da Morte, un ciclo aberto de conferencias sobre intervención social e desenvolvemento local. A dirección corresponde aos profesores Ricardo García Mira e José Romay, do Laboratorio de Psicoloxía Social da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. Na mesa redonda de hoxe, baixo a moderación de José Manuel Pose Mesura, catedrático e director provincial do Inem, falarán o alcalde, Evencio Ferrero; o edil José Antonio Viña, o escritor e enxeñeiro Xavier Alcalá, o profesor malpicán Héctor Pose e o catedrático de Psicoloxía Jorge Sobral. -¿Como xurden estas xornadas, e por qué na Costa da Morte? -Saen como parte das actividades do grupo de investigación Persoa-Ambiente e tamén do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial Xoán Vicente Viqueira. Para o lugar influiu moito unha variable afectiva, xa que un dos organizadores está vinculado a esa terra. Pero hai datos obxectivos suficientes. -¿Como cales? -Trátase dunha comarca profundamente marxinada desde o punto de vista económico, cultural, de investimentos, á que nunca se atendeu en relación ao potencial que ten. É un lugar que foi fortemente castigado por accidentes ao longo da historia. Hai materia de sobra que analisar. -¿Cales son os principais obxectivos das xornadas? -Tres, sobre todo. Un, o de descentralizar actividades académicas e achegalas aos concellos pequenos. A Universidade ten que conectar coa realidade. O segundo, a reapertura dun debate necesario do que poda saír unha diagnose con propostas para a toma de decisións en diversos ámbitos. E, outro, chamémoslle máis científico, dentro da psicoloxía comunitaria, para obter a maior pluralidade de enfoques alí onde se quere actuar.