«Peizoco corredoiras»

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

07 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O LUNS pola noite estiven con tres compañeiros. Un deles marchaba ao día seguinte para Suíza, onde se atopa por motivos laborais dende hai máis dunha década. A conversa tivo en común o feito de que todos os presentes, agás un, naceramos no mesmo ano. Nosoutros fomos escolarizados no mesmo ano no que se aprobaba a Constitución vixente. Eramos a primeira fornada de rapaces que estreaba un colexio público con comedor na parroquia. Un autobús recollíanos nas casas e levábanos ata o centro e o que máis e o que menos dispoñía xa de televisión na casa. Eramos pois a xeración que comezaba a gozar timidamente dende nenos deso que lle chamaban o Estado do Benestar. O mesmo sistema que non foi capaz de evitar que algúns daqueles rapaces tiveran que buscar exilio económico en Xenebra ou en Fuerteventura. Máis do que falamos o luns foi de temas máis agradables. Lembramos a paixón que sentiamos por un motorista televisivo que se facía chamar «El halcón callejero». Este heroe trasladado ao noso mundo da primeira adolescencia, poboado de motos vellas de tres marchas e algunha flamante vespino, convertíase no noso «Peizoco corredoiras».