«Gorxa profunda»

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

25 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

UNHA DAS cousas máis reconfortantes que ten o feito de escribir esta columna é ver que a xente che dá a miúdo ideas de utilidade. Sempre hai quen chama para contar unha anécdota curiosa, para denunciar o que considera unha inxustiza, para felicitarte ou para dar un tirón de orellas. Falo disto porque hai uns días chamáronme ao móbil. Non coñezo quen era o autor da chamada, só me dixo que era de un lugar inconcreto da Costa da Morte. Comentoume unha historia disparatada que me fixo rir con ganas. Recordoume que había uns meses me chamara tamén para precisar uns datos históricos que eu utilizara. Como naquela ocasión, esta vez tampouco quixo desvelar o seu nome e bromeando subliñou que el era a miña particular «gorxa profunda». Como recordarán moitos lectores, este é o alcume que recibiu hai tres décadas o confidente que destapou un dos maiores escándalos políticos do século pasado: o chamado Watergate americano. Aínda hoxe, tantos anos despois, non se coñece con certeza quen foi o home que dende dentro da Casa Blanca lle facilitou información aos xornalistas do Washington Post . Só dous traballadores e o editor daquel medio saben a súa identidade, un segredo que, por suposto, gardan celosamente. Esforceime por quedar a tomar un café co meu confidente particular, pero el, con suma intelixencia e rapidez de reflexos, declinou a oferta. Malia que nunca destapemos ningún escándalo, espero que me siga a contar anécdotas marabillosas, desas que fan tomar o mundo con humor, ese mecanismo necesario para defenderse dun tempo que podería ser ben mellor, desde logo. Por iso, dende estas liñas e sen coñecelo doulle as máis expresivas grazas.