RADIOGRAFÍAS | O |
20 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.UN DOS problemas máis graves aos que se enfronta a sociedade galega a curto prazo é a baixísima taxa de natalidade. Sorprende que, dende hai uns anos a esta parte, esteamos nas porcentaxes máis baixas de todo continente europeo. A falta de relevo xeracional é fácil de observar na nosa bisbarra. Unha rápida visita ás escolas e institutos da Costa da Morte denota que nos últimos quince anos moitos centros baixaron practicamente á metade o seu número de alumnos. Este fenómeno é máis que preocupante nos municipios rurais onde só medra porcentualmente o segmento de pensionistas. Como en case todo, poida que non haxa verdades únicas para explicar as causas. Poderiamos falar de ausencia de seguridade económica, de falta de servizos públicos, dun cambio de costumes e roles... O que está claro é que unha sociedade sen relevo xeracional tende a estancarse. Por iso e antes de que Medio Ambiente teña que incluír aos nenos entre as especies ameazadas, haberá que facer algo. Porque, a este paso, a UE e o controvertido Plan Galicia van ter que destinar partidas para que as parellas peregrinen obrigatoriamente á Lanzada e á Pedra de Abalar. Subvencionemos os milagres, que xa é o que nos falta.