RADIOGRAFÍAS | O |
18 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O REXURDIR das verbenas é algo innegable. Se hai pouco máis de sete ou oito anos os campos do baile das parroquias estaban semivacíos, agora volve verse un público variopinto que enche as romarías de toda a bisbarra. Chama a atención esa mestura de idades, aquí apúntase todo o mundo: nenos, adolescentes, mozos, veteranos e, por suposto, pensionistas. A min, gustos musicais á parte, eso das festas de verán parécenme un magnífico calidoscopio da nosa sociedade. Hai quen acostuma a dicir que Nova Iorq ou Londres sorprenden ao viaxeiro polas distintas mesturas de tribos urbanas, tendencias no vestir ou actitudes de vivir a vida... Salvando as distancias, se nos achegamos a unha verbena da bisbarra e observamos con paciencia é doado atopar un incrible mundo de contrastes. Non me digan que non hai tendencias en calquera festa parroquial. Situémonos por un momento. Dúas orquestras mallan nos respectivos palcos mentres catrocentas persoas seguen a evolución dos cantantes. Entre o público está un mediopensionista que chegou nun coche sen carné coa dona e un repolo de dezaoito anos co auto tuneado; máis aló unha señora con pañoleta e paraugas comparte espazo cunha neta que leva dous aros no nariz, outro no embigo e unha minisaia que reciclada non chegaría para facerlle un calcetín a avoa. A poucos metros dous paisanos falan de como medra o millo mentres un adolescente lle conta a outro que navegando pola rede botou unha moza que vive en Cádiz. No bochinche un tipo coa camiseta do Che comparte ronda cun importante promotor inmobiliario metido a concelleiro. E o milagre é que todos moven o pé ao ritmo que marca a orquestra... «Es obsesión...».