RADIOGRAFÍAS | O |
14 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.HIPÓLITO DA Costa conxugou durante case cinco décadas o seu oficio labrego coa nobre profesión de capador. Da arte que tiña para deixar sen armas reproductoras aos porcos da bisbarra poden dar testemuña numerosas casas de labranza bergantiñáns nas que deu boa mostra do seu probado pulso coa coitela. Despois da Guerra Civil aprendeu o choio cun afamado profesional de Coristanco que lle mostrou a un Hipólito case imberbe todos os segredos. Sacáballe os milindreques aos cochos sen o risco das tan temidas infeccións posteriores. Aquel vello capador confesoulle que a mellor maneira de afastar os perigos postoperatorios era botarlle pola zona aberta do animal unhas boas doses de caña branca do Ribeiro, mesturada días antes con labazas e mexacáns dos que medran nos camiños. Dito e feito, nos corenta e oito anos de profesión só lle morrera un marrán nunha casa de Entrecruces e Hipólito sempre sostivo que desconfiaba que aquel pobre rancho entregara coa fame. Coa chegada dos oitenta, a competencia dos veterinarios e doutros capadores fixo que os apuros de traballo do Hipólito foran a menos. Por boca dun farmacéutico soubo que existía unha práctica chamada vasectomía e que había homes que se operaban para non teren máis fillos. O Hipólito pensou que había que renovarse e incluso falou cun concelleiro de Carballo co que tiña bo trato. O edil convenceu ao Hipólito que non había maneira de convalidar a longa experiencia cos porcos e poder entrar logo no novo negocio das vasectomías. Hipólito nunca comprendeu que non se contara coa súa dilatada experiencia. Na reconversión industrial non entrou o gremio dos capadores.