CRÓNICAS SONEIRÁS | O |
10 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.DI A miña neta que os maiores vivimos de recordos; e eu sempre lle contesto que lembrar a propia historia é unha forma de sentirse viva (aínda que as batalliñas as teña que sufrir non só ela, senón tamén os lectores deste xornal). Durante todos estes anos que estiven vivindo e traballando en Suíza non pasei nin un só día sen pensar nestas terras de Soneira: os días de verán en Laxe, os viños por Carballo, os amigos de Vimianzo, o momento de abalar a pedra, o churrasquiño e as cantigas na carballeira de Baio... e todos eses bos momentos de lecer que pasei de nova, e máis tarde de vacacións, nestes lares dos que un día meus pais decidiron facer a maleta e buscar, e loitar, por un futuro mellor para toda a familia. Agora, xubilada e asentada nesta Costa da Vida, gozo do que vexo e comparo estes tempos con aqueles outros nos que viaxaba no coche de liña e ir a unha vila un día de mercado era unha festa das de verdade na que gozabamos do polbo e da carne ao caldeiro e meu pai tomaba as cuncas cos amigos mentres miña nai e máis eu mercabamos cousas ata a seguinte feira. Calquera tempo pasado foi peor, teño que confesalo, pero vexo que me fago vella. E, sobre todo, cando me informo de que moitos dos lugares nos que pasei a miña vida teñen que pechar porque a eles tamén lles chegou o tempo da xubilación e do aproveitamento, un arrepío estraño aniña no meu corpo. Agora lle chegou o momento, despois de case catro décadas aberta, a Casa Ovidio, de Baio, o lugar no que nos deixaba o Finisterre cando ía á pesca da troita co meu home e onde pasábamos o mellor fin de semana do ano. Foron moitos os días nos que gocei dos bos xantares e da mellor hospitalidade das irmáns Olga e Teresa; alí medrou a amizade con Pepe ao abeiro dun lar que sempre respectou as conversas co consentimento e o agarimo de don Ovidio e dona Elvira, sempre atentos a se faltaba café ou licor na mesa. Sei que miña neta vai rifar comigo cando lea isto, pero Baio non vai ser o mesmo sen Casa Ovidio: sen as troitas en cama de ovo que cociña Teresa, sen o sorriso bondadoso de Olga trasfegando entre as mesas, sen as conversas e os licores que me ofrece Pepe Valiña... Sempre me quedará o consolo dos moitos amigos que teño nesa porta grande da Costa, dos moitos establecementos que seguen a facer que en Baio o xantar sexa sempre un goce e de que en calquera momento me poderei achegar a casa de Olga, Teresa e Pepe para lembrar historias daqueles tempos... Sei que un bo prato de caldo con compango e unha interesante tarde de leria nunca me van faltar.