TERRA E XENTE | O |
26 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.SEGUNDO OS datos da Xunta de Galicia (La Voz, 22 de xullo), o faro de Fisterra é o segundo punto máis visitado de Galicia, despois da catedral de Santiago e antes ca mesmísima Torre de Hércules da Coruña. Este dato debera facer pensar a gran parte das corporacións municipais da Costa da Morte (non só á de Fisterra). ¿Como é posible que haxa un polo de atracción turística deste calibre e que ninguén o saiba aproveitar? Ou moito cambiaron as cousas ou eses máis de 600.000 mil visitantes anuais que disque se desprazaron ao mítico fin da terra entraron e saíron da península fisterrá case sen deterse e sen deixaren uns euros nin na vila nin en toda a redonda. En calquera outro lugar considerarían unha bendición do ceo o sitio incomparable do cabo Fisterra. Pero aquí estase a velas vir, pois, en caso contrario, non é de recibo que un edificio como o faro permaneza a maior parte do ano fechado ó público ou, o que é peor, sen que se aproveite como fonte de ingresos. Un exemplo ben sinxelo: calquera que se achegue ao cabo da Roca (Sintra-Portugal) atopará nas dependencias do faro dous ou máis empregados municipais que o informarán en todo o momento e incluso, ademais de publicacións ad hoc, poderá levar consigo un bonito documento selado en lacre co cuño da Cámara Municipal de Sintra, polo que che cobran uns euros que, xunto coas publicacións e outras cousas, serven para incrementar os ingresos dese Concello. Pero o visitante paga isto con gusto, e mesmo o agradece, pois leva a proba oficial de que chegou a un dos lugares míticos de Europa. É só un exemplo, e para isto non se precisa moita imaxinación (na Costa da Morte hai outros cabos como o de Touriñán -pola súa condición de verdadeira punta máis occidental da España peninsular-, a punta da Barca ou o Vilán que tamén son puntos de atracción dos visitantes e se poden expedir certificados semellantes). Xa se ten falado arreo do exemplo da Bretaña francesa, tan semellante a Galicia, onde non só se lle saca rendemento económico e propagandístico á punta máis occidental (a de St. Mathieu, preto de Brest), senón a cabos e faros menos coñecidos. Claro que un non se imaxina que nestes lugares as campañas das eleccións municipais se centren en promesas de favores persoais, senón máis ben en proxectos económicos válidos para toda a comunidade, proxectos nos que a defensa e potenciación do patrimonio monumental como foco de atracción turística ocupa un lugar importante. Por outra parte, a noticia deses 600.000 visitantes que deberon pasar pola Costa da Morte coma lostregos, coma se un río emborcase no mar toda a súa auga sen ser antes aproveitada para nada, tróuxome á memoria as Torres do Allo, outro verán máis -e coido que van cinco- pechadas ao público e, polo tanto, inutilizadas. ¿Que mellor lugar ca este como punto de información para lograr que tanto visitante non fuxa tan axiña da zona e quede polo menos uns días? Confiábase en que a nova corporación da Deputación Provincial non fose tan inmobilista como a anterior, pero de momento... Un amigo meu teme que as Torres se acaben dombatizando , verbo de significado transparente que se segue a conxugar na Costa da Morte. Espero que non estea no certo, pero tampouco poño a man no lume.