CRÓNICAS SONEIRÁS | O |
17 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O PASADO sábado de Corpus fun invitada a Baio polo meu vello amigo Pepe Valiña co motivo da estrea na iglesia vella da localidade da misa solemne para coro e órgano a cargo da agrupación Xan Mella, da que el é presidente. E abofé que pagou a pena caer polo vello templo baiés. Para esa pequena vila, de pouco máis de mil cincocentos habitantes, é un verdadeiro luxo contar cunha das corais máis interesantes que puiden escoitar ultimamente na Costa da Morte. As interpretacións Os temas a catro voces de Haendel, os coñecidos Canticorum e Laudate, foron do mellor da mañá: moi ben afinados e dirixidos con singular mestría por unha rapaza bielorrusa que, contoume Valiña, ten engaiolada á vila. Non desmereceu o Signore delle cime de Giuseppe de Marzi nin tampouco o Aleluia a voces brancas; aínda que para algúns dos presentes este segundo tema non casaba demasiado ben co conxunto de misa por ser de harmonización dabondo moderna. Coa maior das concentracións e respecto foi seguido o Ave verum corpus de Mozart, interpretado pola soprano solista do coro, Patricia Rojo, acompañada ao piano pola directora da coral. Gustaríame, aínda sabendo que é un tema de extrema dificultade, que para o vindeiro ano a obra fose interpretada polo coro ao completo; sei que é un reto, pero informada do esforzo dos coralistas e do empeño da directora... estou segura de que non hai nada imposible. O regreso Despois, xa de viños, e saboreando as famosas tapas de callos que lle dan tanta fama á vila do Bispo Romero de Lema, contoume Pepe Valiña, sempre falador e bo anfitrión, algúns dos moitos proxectos que teñen a curto prazo e quedei convidada para regresar o próximo 8 de agosto e gozar do festival de corais que organizan para celebrar o segundo aniversario da creación da agrupación. Pero antes irei pola festa da Carballeira a esta vila sempre querida soneirá, Porta grande da costa e agora... Porta grande da música.