«Pan tomac» e lingua

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

08 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI ALGO máis dun mes chegou a Galicia un amigo procedente dun pobo de Tarragona. Veu coa intención de instalarse definitivamente entre nós e o primeiro que fixo foi empezar a falar (perpetrar, como di el) o galego. Mercou varios libros e unha pequena gramática, e cada vez que pode ponse a practicar na nosa lingua. Resulta especialmente curioso isto último: mentres algúns desprezan o idioma vernáculo, ese mesmo «dialecto que no sirve para salir de Piedrafita», un rapaz chegado do outro extremo da Península preocúpase en aprender o noso principal signo de identitade. É raro que unha vez por semana non quede con el para conversar un bo anaco. Entre as súas afeccións está a da fotografía. Cunha pequena cámara dixital dedícase a sacar ducias de retratos paisaxísticos de cada incursión que fai pola nosa xeografía. Non hai moito meteulle un bo repaso a ese fermoso penedo metido no mar que é a vila de Caión. Logo vai desbotando as fotos que non lle gustan e revela só aquelas que considera boas. Pódolles dicir que ten xa unha considerable colección da zona. Hai uns días convidoume a min e a outros amigos a unha cea catalana no seu piso. Alí non faltou o tradicional pan tomac nin a esqueixada : este prato leva bacallau esmigallado como principal ingrediente. Comemos como auténticos becerros (espero que me perdoen os outros comensais tan infeliz comparación). A culpa dos máis de mil quilómetros de viaxe, de cambiar o Mediterráneo polo Atlántico, ten que ver, como algún xa imaxinaría, cos encantos dunha moza do país. Os filólogos deberían estudar como o amor tamén incide felizmente na normalización lingüística.